From Wikipedia, the free encyclopedia
O Texas hold'em é unha das modalidades máis disputadas de póker a nivel mundial, tanto na súa versión con límite fixo de apostas (Limit Texas hold'em), con límite variábel (Pot limit Texas hold'em) ou sen el (No limit Texas hold'em). Precisamente nesta última versión dispútase o Evento Principal das World Series of Poker ou o World Poker Tour.
A diferenza doutros tipos de póker, o Texas hold'em é un xogo de cartas comunitarias, onde cada xogador ten que consegui-la mellor xogada posíbel de cinco naipes combinando as dúas cartas repartidas de man (pocket cards ou hole cards) coas cinco comunitarias dispoñíbeis para o resto de xogadores, existindo catro roldas de apostas acumuladas no bote dende que se reparten as cartas iniciais até que se destapan (showdown), momento no que o xogador gañador leva o bote. Tamén pódese gaña-lo bote sen necesidade de chegar ó showdown cando non hai ningún xogador que vexa a aposta do gañador.
O Hold'em en tódalas súas variantes foi gañando popularidade pouco a pouco a finais do século XX, pero a súa verdadeira explosión como fenómeno de masas a nivel mundial produciuse a comezos do século XXI por mor de tres factores chaves: a aparición do póker online e unida a isto a vitoria de Chris Moneymaker no Evento Principal das World Series of Poker de 2003, o aumento dos torneos televisados e o uso das pocket cams neles e a publicación dunha morea de libros especializados no xogo.
Aínda que pouco se sabe do nacemento do Texas Hold'em, existen teorías, recoñecidas de xeito oficial pola Cámara lexislativa de Texas no ano 2007, que indican que o lugar de nacemento do xogo foi o pobo de Robstown no estado norteamericano de Texas[1] .
Pouco tempo despois, o xogo estenderíase durante as décadas de 1950 e 1960 por todo o Estado da Estrela Solitaria da man dos chamados Texas Rounders, un grupo de xogadores profesionais formado por Doyle "Texas Dolly" Brunson, Thomas Austin "Amarillo Slim" Preston, Crandell "Dandy" Addington e Brian "Sailor" Roberts.[2]. Nesta época, ser un xogador profesional de póker era ilegal e perigoso: o xogo era delito menor en Texas, e por mor da morea de cartos que gañaban nas súas viaxes, eran branco de delincuentes e bandas organizadas[2].
Unha man típica de Texas hold'em comeza coa colocación do botón de dealer. Este botón sinala ó xogador na posición de dealer, o derradeiro en falar, e vai rotando en cada man no sentido das agullas do reloxo. Inmediatamente despois, os xogadores á dereita do botón fan dúas apostas obrigatorias (blinds), chamadas small blind (o primeiro xogador á dereita do botón) e big blind (o segundo xogador á dereita do botón), e que tamén van rotando. A big blind equivale á aposta mínima, sendo a small blind normalmente a metade. En caso de que haxa, tódolos xogadores poñen o ante, outra aposta obrigatoria normalmente máis pequena que as cegas, e utilizada sobre todo en torneos de póker. Outra particularidade do torneo sobre o xogo normal é que o valor das blinds e dos antes vaian aumentando periodicamente. Algúns casinos tamén permiten ás veces a colocación de straddles, unha aposta voluntaria que realiza o terceiro xogador á dereita do dealer, que pasa a actuar como big blind.
Porén, cando só son dous os xogadores na partida, a colocación das apostas iniciais muda: o xogador co botón de dealer coloca a small blind e antes do flop é o primeiro en falar, sendo o derradeiro no resto da man. O outro xogador coloca a big blind.
Hai tres variacións de Texas hold'em segundo o límite de apostas nas catro roldas das que consta unha man. Na súa versión no limit, os xogadores poden apostar calquera cantidade, dende a aposta mínima até tódalas súas fichas (all-in), en calquera das catro roldas de apostas, agás cando o xogador sobe unha aposta previa, xa que esta debe ser de polo menos unha vez a aposta que fixera o anterior xogador. No extremo contrario está a versión limit, onde as apostas están restrinxidas a un patrón, no que nas dúas primeiras roldas de apostas pódese xogar como máximo unha cantidade equivalente á big blind (esta cantidade é coñecida como small bet), mentres que nas derradeiras dúas roldas a aposta está limitada a dúas veces a big blind (o que é coñecido como big bet). En cada rolda de apostas, limítanse a catro as veces que se pode subi-la aposta. No medio atópase a versión pot limit, onde a aposta debe estar no rango comprendido entre o tamaño da big blind e o do bote.
Após a colocación das blinds e dos antes, cada xogador recibe dúas cartas boca abaixo procedente dunha baralla americana estándar de 52 naipes sen comodíns. Son as chamadas pocket cards ou hole cards, os únicos naipes que cada xogador recibe de forma individual.
Inmediatamente despois vén a primeira rolda de apostas, chamada rolda preflop, nas que os xogadores apostan, se o desexan, no sentido das agullas do reloxo, sentido que se conservará durante toda a man. Cando tódolos xogadores que apostaron poñen a mesma cantidade de fichas no bote, ou se un deles non puidera por non ter esa cantidade e foi all-in, o croupier pon a disposición de tódolos xogadores as tres primeiras cartas comunitarias no chamado flop. Porén, se ningún xogador iguala a cantidade da big blind o xogador nesa posición gaña a man e o bote. O mesmo ocorre se ningúen ve a suba dun xogador anterior. O desenvolvemento das outras tres roldas de apostas é igual ó preflop.
Após o flop, ten lugar a segunda rolda de apostas, e cando esta remata, o crupier saca a cuarta carta comunitaria, o turn ou cuarta rúa. Hai outra rolda de apostas, e logo chega o river ou quinta rúa, a derradeira rolda de apostas da man, e, se é preciso, o showdown.
No xogo en vivo, e a diferenza do póquer online, o croupier, antes de saca-lo flop, o turn e o river, descarta o primeiro naipe da baralla, a chamada burn card. Isto ten a finalidade principal de evitar que os xogadores tomen vantaxe na información da que dispoñen en base a ve-lo reverso da seguinte carta comunitaria, que podería estar marcado.
Se un xogador aposta e ningún outro o ve, tirando as súas cartas, entón o xogador que apostou gañou o bote e non está obrigado a ensina-las súas cartas. Porén, se dous ou máis xogadores chegan á derradeira rolda de apostas, e cando esta finaliza todo o mundo investiu a mesma cantidade de cartos no bote, eses xogadores deben amosa-las súas cartas. Isto é o chamado showdown.
Nesta fase do xogo, os xogadores que chegaran deben facer a mellor xogada de cinco cartas que poidan entre as cartas comunitarias e as súas hole cards. Para iso, poden utiliza-las dous hole cards, unha ou ningunha. Cando un xogador non utiliza ningunha, só as cinco cartas comunitarias, entón dise que está a xoga-lo board (denominación para as cinco cartas comunitarias), e ó máximo ó que pode aspirar é a dividi-lo bote, xa que os xogadores restantes poden usa-lo tamén para construí-la mesma man.
Cando dous ou máis xogadores comparten a mellor man, entón o bote é dividido entre eles (split pot). Cando das fichas entre os xogadores non é exacta, as fichas sobrantes son para o primeiro xogador que se atope á dereita do botón no sentido do reloxo.
Se as cartas que compoñen unha man son menos de cinco, en caso de empate o xogador gañador determínase polo kicker, que son as cartas restantes para completar as cinco da man. No caso de que a carta máis alta sexa compartida por todos os xogadores mírase o seguinte, e así até desface-lo empate ou até chegar a completa-las cinco cartas que forman unha man. En Texas hold'em, o pau das cartas non ten importancia, só contan os valores numéricos.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.