Teotihuacán
From Wikipedia, the free encyclopedia
Teotihuacán ou Teotihuacan (en náhuatl: "lugar onde os homes se converten en deuses"; "lugar onde se fixeron os deuses"; "cidade dos deuses"), ou tamén Teo uacan (en náhuatl: "cidade do sol") é o nome que se dá á que foi unha das maiores cidades prehispánicas de Mesoamérica.[1][2] O topónimo é de orixe náhuatl e foi empregado polos mexicas para identificar esta cidade construída por unha civilización anterior a eles e que xa se atopaba en ruínas cando os mexicas a viron por primeira vez. Á data, descoñécese o nome que lle daban os seus habitantes orixinais. Os restos da cidade atópanse ao nordés do val de México, nos municipios de Teotihuacán e San Martín de las Pirámides (Estado de México), aproximadamente a 78 quilómetros de distancia do centro da Cidade de México. A zona de monumentos arqueolóxicos foi declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1987.
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | México | ||||
Estado federado | Estado de México | ||||
Capital | Teotihuacán de Arista (en) | ||||
Xeografía | |||||
Superficie | 8.316 km² | ||||
Altitude | 2.270 m | ||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 55880 | ||||
Páxina web | teotihuacan.gob.mx |
As orixes de Teotihuacán son aínda obxecto de investigación entre os especialistas. Ao redor do inicio da era cristiá, Teotihuacán era unha aldea que cobraba importancia como centro de culto na conca do Anáhuac. As primeiras construcións de envergadura proceden desa época, como mostran as escavacións na Pirámide da Lúa. O apoxeo da cidade tivo lugar durante o Período Clásico (ss. III-VII d.C.). Nesa etapa, a cidade foi un importante nodo comercial e político que chegou a ter unha superficie de case 21 km2, cunha poboación de 100 000 a 200 000 habitantes. A influencia de Teotihuacán deixouse sentir por todas as zonas de Mesoamérica, como mostran os descubrimentos en cidades como Tikal e Monte Albán, entre outros sitios que tiveron unha importante relación cos teotihuacanos. O declive da cidade ocorreu no século VII, nun contexto marcado por inestabilidade política, rebelións internas e cambios climatolóxicos que causaron un colapso no norte de Mesoamérica. A maior parte da poboación da cidade dispersouse por diversas localidades na conca de México.
Descoñécese cal era a identidade étnica dos primeiros habitantes de Teotihuacán. Entre os candidatos atópanse os totonacos, os náhuatls e os pobos de idioma otomangue, particularmente os otomís. As hipóteses máis recentes apuntan a que Teotihuacán foi unha urbe cosmopolita en cuxo florecemento se viron involucrados grupos de diversa orixe étnica, como mostran os descubrimentos no barrio zapoteco da cidade e a presenza de obxectos provenientes doutras rexións de Mesoamérica, sobre todo da rexión do Golfo e da área maia.
Teotihuacán foi motivo de interese para as sociedades posteriores ao declive da cultura teotihuacana en Mesoamérica. As súas ruínas foron exploradas dende a época prehispánica, entre outros, polos toltecas e os mexicas. O descubrimento de obxectos teotihuacanos nos xacementos arqueolóxicos de Tula e o Templo Maior de México-Tenochtitlan así o confirma. Na mitoloxía náhuatl posclásica, a cidade aparece como o escenario de mitos fundamentais como a lenda dos Soles dos mexicas.
Actualmente, os restos de Teotihuacán constitúen a zona de monumentos arqueolóxicos con maior afluencia de turistas en México, por encima de Chichén Itzá, El Tajín e Monte Albán. As escavacións arqueolóxicas en Teotihuacán continúan até os nosos días, e deron como resultado un paulatino incremento na calidade e cantidade do coñecemento que se ten sobre esta cidade.