Teoría cromosómica de Sutton e Boveri
From Wikipedia, the free encyclopedia
A teoría cromosómica de Sutton e Boveri, tamén chamada teoría cromosómica da herdanza ou teoría de Sutton e Boveri, é unha teoría xenética fundamental unificadora que identifica os cromosomas como os portadores do material xenético e conteñen os xenes.[1][2][3] A teoría explica correctamente o mecanismo que subxace nas leis de Mendel ao identificar os cromosomas, que están presentes en todas as células en división e pasan dunha xeración á seguinte, como os portadores dos factores ou partículas (hoxe denominados alelos) necesarios para que funcionen as leis mendelianas. A teoría indica tamén que os cromosomas son estruturas lineares nas que os xenes están localizados en sitios específicos chamados loci.[2]
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/8/89/Theodor_boveri_walter_sutton.png/220px-Theodor_boveri_walter_sutton.png)
Esta teoría presentada por Walter Sutton e Theodor Boveri en 1902-1903 foi controvertida ata 1915, cando os traballos de Thomas Hunt Morgan en Drosophila conseguiron que fora universalmente aceptada.