![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/3/39/Hamming.jpg/640px-Hamming.jpg&w=640&q=50)
Teoría de códigos
estudo das propiedades dos códigos / From Wikipedia, the free encyclopedia
A teoría da codificación é o estudo das propiedades dos códigos e a súa adecuación para aplicacións específicas. Os códigos utilízanse para a compresión de datos, a criptografía, a detección e corrección de erros, a transmisión de datos e o almacenamento de datos. Os códigos estúdanse baixo diversas disciplinas científicas, como a teoría da información, a enxeñaría eléctrica, as matemáticas, a lingüística e a informática, co propósito de deseñar métodos de transmisión de datos eficientes e fiables. Normalmente, isto implica a eliminación da redundancia e a corrección ou detección de erros nos datos transmitidos.
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/3/39/Hamming.jpg/320px-Hamming.jpg)
Podemos estruturar a teoría de códigos en catro grandes áreas:[1]
- Compresión de datos.
- Control de erros.
- Codificación criptográfica.
- Codificación de liñas.
A compresión de datos intenta eliminar a redundancia non desexada dos datos dunha fonte para transmitilos de forma máis eficiente. Por exemplo, a compresión de datos ZIP fai que os ficheiros de datos sexan máis pequenos para, por exemplo, reducir o tráfico de Internet. A compresión de datos e a corrección de erros son tratados frecuentemente conxuntamente.
A corrección de erros engade unha redundancia útil aos datos dunha fonte para facer a transmisión máis robusta ante as perturbacións presentes na canle de transmisión. Un disco compacto (CD) de música típico usa o código Reed-Solomon para corrixir arañazos e po. Nesta aplicación a canle de transmisión é o propio CD. Os teléfonos móbiles tamén usan técnicas de codificación para corrixir o esvaecemento e o ruído da transmisión de radio de alta frecuencia.