Teatro romano de Mérida
From Wikipedia, the free encyclopedia
O Teatro romano de Mérida é un teatro histórico levantado pola Antiga Roma na colonia Augusta Emerita, actual Mérida (España). A súa creación foi promovida polo cónsul Marco Vipsanio Agripa e, segundo unha data inscrita no propio teatro, a súa inauguración produciuse cara aos anos 16-15 a. C. «Príncipe entre os monumentos emeritenses», como o denominou José Menéndez-Pidal, arquitecto que dirixiu a súa reconstrución desde 1964, o teatro é Patrimonio da Humanidade desde 1993 como parte do Conxunto arqueolóxico de Mérida.
Teatro romano de Mérida | |
---|---|
"Teatro Romano, Amfiteatro, a Casa do Anfiteatro" parte de Emerita Augusta | |
Patrimonio da Humanidade - UNESCO | |
País | España |
Localización | |
Tipo | Cultural |
Criterios | III, IV |
Inscrición | 1993 (17ª sesión) |
Rexión da UNESCO | Europa e América do Norte |
Identificador | 664-005 |
O teatro sufriu varias remodelacións, a máis importante cara ao ano 105, en época do emperador Traxano, ao erguerse a fronte escénica actual, e outra en época de Constantino I, entre os anos 333 e 335. O teatro foi abandonado no século IV d. C. tras a oficialización no Imperio romano do cristianismo, que consideraba inmorais as representacións teatrais. O edificio foi cuberto de terra e durante séculos a súa única parte visible foi a summa cavea, as bancadas superiores, que foron bautizadas polos emeritenses «As sete cadeiras». As escavacións arqueolóxicas no edificio comezaron a principios do século XX e desde 1933 o teatro alberga a celebración do Festival Internacional de Teatro Clásico de Mérida. En 2007 o teatro foi nomeado un dos 12 Tesouros de España.[1]