Tópico literario, en literatura, é un tema ou motivo común xa prefixado que utilizan, como recurso, os escritores e poetas. Trátase dunha serie de constantes temáticas repetidas ao longo da literatura que, na súa maioría, teñen a súa orixe na cultua clásica greco-latina ou na tradición bíblica. Moitos destes temas ou tópicos vense mantendo dende a antigüidade.
- Aurea mediocritas (A dorada medianía ou termo medio): este tópico amosa o aprecio e a satisfacción polo sinxelo, o cotián, o que se ten, fronte ao material e insubstancial das riquezas.
- Beatus ille (Feliz aquel): aprecio pola vida tranquila e retirada no campo, fronte á axitación da vida mundana e frívola e das súas preocupacións.
- Carpe diem (Goza do momento): tópico tomado de Horacio. Goza e aproveita cada momento do teu tempo. Moi utilizado sobre todo na poesía renacentista.
- Fortuna mutabilis (A fortuna ou a sorte cambia): hai que coñecerse ben e fiarse dun mesmo, sen confiar na sorte cambiante.
- Ubi sunt? (¿Onde están...?): a morte chega e todo o iguala, nada queda, se non é a lembranza do pasado. O seu uso máis coñecido atópase nas Coplas por la muerte de su padre de Jorge Manrique («Qué fue del rey don Juan / Los infantes de Aragón qué se hicieron / dónde están/ Qué fue de tanto galán / que fue de tanta invención que trujeron...»)
- Locus amoenus (Lugar ameno): preséntase a idealización dun lugar paradisíaco, ideal, onde o home acada a harmonía con cada un dos elementos da natureza (Frei Luis de León: Del monte en la ladera,/ plantado por mi mano tengo un huerto/ que, con la primavera,/ de bella flor cubierto...).
- Tempus fugit (O tempo foxe"): o tempo é inaprehensible, nin se detén nin se lle pode facer retroceder. A expresión invita a aproveitar o tempo (de forma similar ao carpe diem).
- Odi profanum vulgus (Odio ao vulgo ignorante): tema orixinal de Horacio, amosa o desprezo elitista por quen non apreza a beleza da poesía.