![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/0/0b/Lecomte_du_Nouy_Il_sogno_dell%2527eunuco.jpg/640px-Lecomte_du_Nouy_Il_sogno_dell%2527eunuco.jpg&w=640&q=50)
Soño
From Wikipedia, the free encyclopedia
Os soños son manifestacións mentais de imaxes, sons, pensamentos e sensacións nun individuo dormente, e normalmente afastadas da realidade. Para a psicoloxía, os soños son estímulos esencialmente anímicos que representan manifestacións de forzas psíquicas que durante a vixilia se achan impedidas de despregarse libremente. Soñar é un proceso mental involuntario no que se produce unha reelaboración da información almacenada na memoria, xeralmente relacionada con experiencias vividas polo soñante o día anterior. As lembranzas que se manteñen ao espertar poden ser sinxelas (unha imaxe, un son, unha idea etcétera) ou moi elaboradas. Os soños máis elaborados conteñen escenas, personaxes, escenarios e obxectos. Comprobouse que pode haber soños en calquera das fases do durmir humano. Con todo, lémbranse máis soños e eles son máis elaborados na chamada fase REM (Movemento Ocular Rápido [MOR], polas súas siglas en inglés Rapid Eye Movement) que ten lugar no derradeiro tramo do ciclo do sono.
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/0/0b/Lecomte_du_Nouy_Il_sogno_dell%27eunuco.jpg/320px-Lecomte_du_Nouy_Il_sogno_dell%27eunuco.jpg)
O acto de soñar só foi confirmado no Homo sapiens. Os animais tamén pasan pola fase de soño REM. Semella que os mamíferos son os animais con maior probabilidade de soñar debido ao seu ciclo do soño semellante ao humano. O animal que máis tempo pasa en fase de soño REM é o armadillo (Dasypodidae).
O adxectivo correspondente a ilusión-soño é onírico (do grego ónar, "ilusión"). Por analoxía coa ilusión -que cumpre a miúdo fantasías do dormente- chámase tamén «soño» a calquera anhelo ou ilusión que mobiliza a unha persoa. A disciplina encargada do estudo científico dos soños coñécese como oniroloxía. Cando o soño anticipa eventos futuros ou exhibe eventos pasados descoñecidos pódese falar dunha premonición ou dunha retrocognición respectivamente.