![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/0/06/Skadi_Hunting_in_the_Mountains_by_H._L._M.jpg/640px-Skadi_Hunting_in_the_Mountains_by_H._L._M.jpg&w=640&q=50)
Skaði
Deidade da mitoloxía nórdica / From Wikipedia, the free encyclopedia
Na mitoloxía nórdica, Skaði (transcrito o inglés en ocasións como Skadi, Skade ou Skathi) era unha xigante e deusa asociada coa caza con arco, o esquí, o inverno e as montañas. Skaði aparece na Edda poética, compilada no século XIII dende fontes tradicionais, así como na Edda prosaica e na saga Heimskringla, escritas no século XIII por Snorri Sturluson, e en diversas obras dos escaldos.
Skaði | |
---|---|
Membro da mitoloxía nórdica | |
![]() Skadi cazando nas montañas (1901), de H. L. M. | |
Xénero | Feminino |
Grupo étnico | pobos nórdicos |
Información persoal | |
Pais | Þjazi |
Consorte | Njörðr Odín |
En tódalas fontes Skaði é a filla do falecido Þjazi, e Skaði casa co deus Njörðr como parte da compensación recibida polo feito de que os deuses matasen o seu pai Þjazi. Na saga Heimskringla cóntase como Skaði sepárase de Njörðr e casa posteriormente co deus Odín, co que ten múltiples fillos. Tanto na Edda poética como na Edda prosaica Skaði descríbese como a responsable de colocar a serpe que verte veleno por riba do capturado Loki. Existen tamén referencias a Skaði baixo os nomes alternativos de Öndurguð 'deusa do esquí' e Öndurdís 'dama do esquí'.
A etimoloxía do nome Skaði é incerta, pero segundo algúns investigadores podería estar conectada coa forma orixinal de Escandinavia. Algúns nomes de lugares en Escandinavia, particularmente en Suecia, fan referencia a Skaði. Varios investigadores teorizaron tamén sobre unha potencial conexión entre Skaði e o deus Ullr, así como unha relación particular co jötunn Loki. Skaði tamén inspirou diversas obras de arte e representacións, particularmente a finais do século XIX e comezos do século XX.