Sinfonía núm. 8 (Sibelius)
From Wikipedia, the free encyclopedia
A Sinfonía nº 8 de Jean Sibelius foi o seu último gran proxecto compositivo, que o ocupou de xeito intermitente entre mediados da década de 1920 ata arredor de 1938, aínda que nunca a publicou. Durante este tempo Sibelius viviu o punto máis alto da súa fama, unha institución nacional na súa Finlandia natal, e un compositor de talle internacional. Cando chegou a compoñer da Oitava Sinfonía é unha incógnita: Sibelius negouse repetidas veces a liberala para que se interpretara, aínda que continuara a afirmar que estaba a traballar nela mesmo despois de que abandonara o traballo. Segundo informes posteriores da súa familia, queimou a partitura e o material relacionado en 1945.
Gran parte da reputación de Sibelius, durante a súa vida e posteriormente, derivara do seu traballo como sinfonista. A súa Sétima Sinfonía de 1924 ten sido amplamente recoñecida como un fito no desenvolvemento da forma sinfónica, e no seu tempo non había motivos para supoñer que o fluxo das obras orquestrais innovadoras non continuaría. Con todo, despois do poema sinfónico Tapiola, finalizado en 1926, a súa produción limitouse a pezas relativamente menores e a revisións de obras anteriores. A estrea da Oitava Sinfonía foille prometida a Sergei Koussevitzky e á Boston Symphony Orchestra en varias ocasións, mais cando a data estaba próxima Sibelius puxo reparos, alegando que a obra non estaba lista para ser interpretada. O compositor fíxolle promesas similares ao director de orquestra británico Basil Cameron e ao finlandés Georg Schnéevoigt, que tamén se mostraron ilusorias.
Despois da morte de Sibelius en 1957, fixéronse públicas as novas sobre a destrución da Oitava Sinfonía, e asumiuse que a obra se perdera para sempre. Non foi ata a década de 1990, cando se catalogaron moitos cadernos e bosquexos do compositor, que os estudosos propuxeron a posibilidade de que parte da música da sinfonía perdida podía ter sobrevivido. Recentes investigacións conduciron á identificación provisional de varios pequenos bosquexos manuscritos que están relacionados coa sinfonía, tres dos cales (que comprenden menos de tres minutos de música) foron gravados pola Helsingin kaupunginorkesteri en 2011. Mentres uns poucos musicólogos especularon que, se puidesen identificarse outros fragmentos, sería posible reconstruír a obra completa, outros suxiren que isto é pouco probable dada a ambigüidade do material existente. A propia interpretación pública da música que o propio Sibelius rexeitara foi tamén cuestionada.