Sinalización parácrina
From Wikipedia, the free encyclopedia
A sinalización parácrina é un tipo de comunicación celular na cal unha célula produce unha molécula sinalizadora que induce cambios nas células veciñas, alterando o comportamento ou a diferenciación de ditas células. As moléculas sinalizadoras que realizan este labor denomínanse factores parácrinos, e difunden ata distancias relativamente curtas (teñen unha acción local), o que o oposto do que fan os factores endócrinos (que son hormonas que viaxan a distancias moito maiores por vía circulatoria), ou do que ocorre nas interaccións xustácrinas (nas que hai unha conexión célula-célula directa pola que se envía o sinal), ou autócrinas (nas que a molécula sinalizadora actúa sobre a membrana da mesma célula que a produciu). As células que producen os factores parácrinos segregan estes nas contornas extracelulares inmediatas. Os factores despois viaxan ata as células veciñas nas cales o gradiente do factor que reciben determina o efecto. Con todo, a distancia exacta á que os factores parácrinos poden viaxar non é moi precisa.
- "Parácrino" redirixe aquí.
Aínda que a sinalización parácrina orixina respostas diversas nas células inducidas, a maior parte dos factores parácrinos utilizan un conxunto relativamente simplificado de receptores e vías. De feito, diferentes órganos do corpo (e mesmo de diferentes especies) utilizan conxuntos similares de factores parácrinos no desenvolvemento diferencial. Estes receptores e vías moi conservados poden estar organizados en catro familias principais baseadas en estruturas similares: familia do factor de crecemento de fibroblastos (FGF), familia de Hedgehog, familia Wnt, e superfamilia do TGF-β. A unión dun factor parácrino ao seu respectivo receptor dá inicio a fervenzas de transdución de sinais, que orixinan diferentes respostas.