From Wikipedia, the free encyclopedia
O río Sir Daria (en casaco: Сырдария; en taxiko, Сирдарё; en uzbeko, Sirdaryo; en árabe, سيحون - Siːħuːn) é un río de Asia Central, que flúe en direccións O e NO a través de Uzbekistán, Taxiquistán e Kazakhstán até desaugar no mar de Aral Norte. É o Orexartes ou Yaxartes das fontes clásicas grecorromanas.
Río Sir Daria Сырдария - Сирдарё - Sirdaryo - سيحون | |
---|---|
País | Casaquistán Taxiquistán Uzbekistán |
Nacemento | Confluencia dos ríos Naryn e Kara Daria |
Lonxitude | Co río Naryn, 3078 km Só, 2212 km |
Conca | 402760 km² |
Caudal medio | 1180 m³/s[1] |
Desembocadura | Mar de Aral |
Altitude desembocadura | 42 m |
Localización do río Sir Daria | |
Nace no extremo leste de Uzbekistán, pola confluencia dos ríos Naryn e Kara Daria. Ten unha lonxitude de 2212 km, mais co río Naryn, alcanza os 3078 km que o sitúan entre os 30 ríos máis longos da Terra. Drena unha ampla conca de 782 669 km², aínda que actualmente apenas 200 000 km² contribúen realmente coas súas augas á corrente principal.
Os antigos gregos coñecíano cos nomes de Jaxartes ὁ Ιαξάρτης (este nome foi transmitido logo aos romanos a través dos autores gregos) e Orexartes. Delimitaba o límite setentrional das conquistas de Alexandre o Grande, que chegou ás súas ribeiras e fundou en 329 a.C. a cidade de Alexandría Escate (literalmente, «a Alexandría máis afastada») como gornición permanente. Na realidade, soamente mudou o nome (e, posiblemente, ampliou) á cidade de Ciropolis, fundada polo rei Ciro o Grande de Persia máis de dous séculos antes. A cidade é actualmente coñecida como Khujand.
O nome actual provén do idioma persa (سیردریا, Yakhsha Arta, que significa o «Grande anacarado», unha referencia á cor da auga do río) e foi empregado dende hai moito tempo en Oriente. Porén, é máis recente na literatura occidental: antes do século XX, o río era coñecido por varias versións do seu antigo nome en grego.[2]
En escritos islámicos medievais, o río era coñecido como Sayhoun (سيحون), un dos catro ríos do Paraíso (o Amu Daria era coñecido tamén como Khayhoun, o nome doutro dos catro).
O Sir Daria, correspondente á conca endorreica do mar de Aral, ten dúas fontes na montaña de Tian Shan (en mandarín, a «montaña celeste»): o río Naryn (807 km), en Kirguizistán, e o río Kara Daria (177 km), no leste de Uzbekistán. O río percorre uns 2 212 quilómetros a través de Kazakhstán, en dirección oeste e norte-sur, ata desembocar no mar de Aral. O seu caudal anual é moi modesto, soamente uns 37 km³ por ano, a metade do Amu Daria.
No camiño rega os cultivos de algodón máis fértiles de toda Asia central e pasa polas cidades de Kokand, Khujand, Kyzylorda e Turkestan.
Un extenso sistema de canles, algúns construído no século XVIII polos kans de Kokand, discorren a través das rexións por onde flúe o río. A masiva expansión da rega durante o período soviético para regar o algodón reduciu o caudal do río e foi a causa dun desastre ecolóxico na rexión: o desecamento do mar de Aral.[3] Con millóns de persoas agora establecidas nestas áreas de algodón, non está claro como se poderá rectificar a situación.
Ao longo do seu percorrido, enche o encoro de Kayrakum, en Taxiquistán, o encoro de Chardara, en Kazakhstán, e o máis pequeno encoro de Farkhad, en Uzbekistán. No río Naryn, o seu tributario máis importante, atópase o grande encoro de Toktogul e os máis pequenos de Kambarata. No seu outro tributario, o río Kara Daria, atópase o encoro de Andiján, en Uzbekistán.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.