Rocha plutónica
From Wikipedia, the free encyclopedia
Unha rocha plutónica ou rocha intrusiva é aquela que se forma cando un magma penetra abríndose paso nunha masa de rocha existente, arrefría, cristaliza e solidifica baixo terra a grandes profundidades formando intrusións ígneas de diferentes tamaños, como batólitos, diques, sills, lacólitos e outros.[1][2][3]
A intrusión de magma en zonas profundas da codia é unha das dúas formas en que se poden formar as rochas ígneas. A outra forma é a extrusión, na que o magma sae ao exterior e solidifica na superficie terrestre, como ocorre nas erupcións volcánicas, dando lugar a rochas extrusivas ou volcánicas. Aínda que as rochas plutónicas se forman en zonas profundas poden acabar aflorando se a erosión elimina as rochas que estaban enriba ou fallas e acabalgamentos levan as capas profundas á superficie.
Moitos xeólogos usan os termos rocha plutónica e rocha intrusiva como sinónimos, pero algúns xeólogos subdividen as rochas intrusivas polo seu tamaño dos cristais en rochas plutónicas de gran groso (tipicamente formadas en zonas profundas da codia en grandes corpos como os batólitos) e rochas de gran medio hipoabisais, subvolcánicas ou filonianas (formadas tipicamente en zonas menos profundas da codia en diques e sills). Nesa clasificación as rochas hipoabisais serían consideradas tamén intrusivas, xa que se introducen entre outras rochas, atravesándoas.[4]