Rocha magmática
From Wikipedia, the free encyclopedia
As rochas ígneas (do latín igneus, lume) son aquelas rochas que se forman pola solidificación do magma ante unha redución de temperatura, sexa dentro da codia terrestre; co que se producen rochas plutónicas; ou ao agromar á superficie; producindo rochas volcánicas. Tamén existiría outro grupo de rochas ígneas que serían as filonianas ou porfíricas.
De acordo ao modo de arrefriamento presentan distintos tipos de cristalización, indo dende cristais visibles á primeira ollada nas rochas de arrefriamento máis lento, ata a estrutura vítrea da obsidiana, producida por unha violenta redución de temperatura no curso dunha erupción volcánica.
Polo xeral as rochas ígneas, xunto coas metamórficas, son máis competentes[Cómpre referencia] cás sedimentarias. Por esta razón, algunhas utilízanse con frecuencia na construción a xeito de pedra ornamental (pranchas para revestimentos) ou elemento resistente (xambas, linteis...). Tamén se usan para facer áridos, que se usan nos formigóns.
Exemplos de rochas ígneas son o granito, a diorita, a riolita, o pórfiro, o gabro e o basalto; hai máis de 700 tipos de rochas ígneas.
Compoñen, aproximadamente, o noventa e cinco por cento da parte superior da codia terrestre, aínda que normalmente están ocultas da superficie da Terra por unha capa relativamente fina pero extensa de rochas sedimentarias e metamórficas.