Resposta policlonal das células B
From Wikipedia, the free encyclopedia
A resposta policlonal das células B é un tipo natural de resposta inmune que presenta o sistema inmunitario adaptativo dos mamíferos. Posibilita que un determinado antíxeno sexa recoñecido e atacado polas súas partes solapantes, chamadas epítopos, por múltiples clons de células B.[1][2]
No decurso dunha resposta inmunitaria normal, algunhas partes do patóxeno (por exemplo, unha bacteria) son recoñecidos polo sistema inmunitario como algo alleo (non propio), e eliminadas ou neutralizadas para reducir os posibles danos que poderían causar. A substancia recoñecible chámase antíxeno. O sistema inmunitario pode responder de moitas maneiras ao antíxeno; unha característica fundamental desta resposta é a produción de anticorpos polas células B (ou linfocitos B) que interveñen nun conxunto de accións do sistema inmunitario chamado inmunidade humoral. Os anticorpos son solubles e non requiren para o seu funcionamento un contacto directo célula a célula entre o patóxeno e a célula B.
Os antíxenos poden ser substancias grandes e complexas, e calquera anticorpo pode só unirse a unha área pequena e específica do antíxeno. En consecuencia, unha resposta inmune efectiva implica a miúdo a produción de moitos anticorpos distintos por células B moi diferentes contra o mesmo antíxeno. De aí o termo "policlonal", que deriva das palabras gregas poly, que significa 'moitos', e klon, 'gromo', 'ramiña'.[3][4][5] Un clon é un grupo de células que se orixinan a partir da división dunha célula "parental" común. Os anticorpos así producidos nunha resposta policlonal denomínanse anticorpos policlonais. Os anticorpos policlonais son heteroxéneos e distintos das moléculas de anticorpos monoclonais, as cales son idénticas e reaccionan contra un só epítopo, é dicir, son máis específicas.
Aínda que a resposta policlonal lle dá certas vantaxes ao sistema inmunitario, como ter unha maior probabilidade de reaccionar contra os patóxenos, tamén incrementa as posibilidades de desenvolver certas doenzas autoinmunes que resultan da reacción do sistema inmunitario contra moléculas nativas producidas polo propio hóspede.