![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/c/c2/Corncrake2.jpg/640px-Corncrake2.jpg&w=640&q=50)
Rascón de terra
From Wikipedia, the free encyclopedia
O rascón de terra[3][4] ou guión de paspallás[5] (Crex crex) é unha ave da familia dos rálidos. Reprodúcese en Europa e Asia, chegando cara ao leste ata China, e migra a África durante o inverno do hemisferio norte. En Galicia é unha ave de paso rara.[3] É un rálido de tamaño medio con partes inferiores con vetas beixes ou grises e partes superiores negras amarronadas, marcas castañas nas ás, e parte inferior cor óxido con barras brancas nos flancos e zona subcaudal. O seu forte peteiro é de cor carne, o iris é marrón claro e as patas e pés son grises claros. Os xoves son de plumaxe similar á dos adultos, e os polos están cubertos de penuxe negro, como en todos os rálidos. Non se distinguen subespecies, aínda que os individuos do leste da súa área de reprodución tenden a ser lixeiramente máis claros que os do oeste. A chamada do macho é un alto crec crec, do cal deriva o seu nome científico. O rascón de terra é máis grande que os seus parentes próximos de África (Crex egregia), que comparten con el a súa área de invernada, e dita especie ten ademais plumaxe máis escura e unha face máis sinxela.
Rascón de terra | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
![]() | |||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||
![]() Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
![]() Área de distribución de C. crex Área reprodutora de verán Área de invernada | |||||||||||||||
Sinonimia[2] | |||||||||||||||
|
O hábitat reprodutor desta especie son as terras cubertas de herbas, como os campos de feo e utiliza ambientes similares nos seus campos de invernada. É unha especie discreta que constrúe un niño feito de follas de herba nun burato no chan e pon de 6 a 14 ovos cor crema cubertos con manchas avermelladas. Os ovos fan eclosión en 19 ou 20 días, e os polos negros precoces empluman ás cinco semanas aproximadamente. A especie está en rápido declive en boa parte da súa anterior área de reprodución porque as modernas prácticas agrícolas con frecuencia destrúen os seus niños antes de que se completase a crianza dos polos. É omnívoro, pero aliméntase principalmente de invertebrados, e ocasionalmente de mamíferos pequenos e ras e materia vexetal incluíndo sementes de herbas e grans de cereais. As ameazas naturais ás que se enfronta son os mamíferos introducidos ou que se fixeron silvestres, as aves grandes, varios parasitos e as enfermidades.
Aínda que o número de exemplares declinou fortemente en Europa occidental, esta ave está clasificada como "especie pouco preocupante" na Lista vermella da IUCN debido á súa enorme área de distribución e as súas poboacións aparentemente estables en Rusia e Casaquistán.[1] A súa cantidade no oeste da China é máis significativa do que anteriormente se pensaba e as medidas de conservación aplicadas facilitaron un incremento da poboación nalgúns países que sufriran grandes perdas.