![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/d/de/Oncogenes_illustration.jpg/640px-Oncogenes_illustration.jpg&w=640&q=50)
Oncoxene
From Wikipedia, the free encyclopedia
Un oncoxene é un xene que ten a potencialidade de causar cancro.[1] En células tumorais, estes xenes están a miúdo mutados ou expresados a altos niveis.[2] O xene que funcionaba normalmente a partir do cal se orixinou o oncoxene (ao alterarse xeneticamente ou na súa expresión) denomínase protooncoxene. A proteína que se orixina a partir do oncoxene denomínase oncoproteína.
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/d/de/Oncogenes_illustration.jpg/640px-Oncogenes_illustration.jpg)
A maioría das células normais sofren unha forma programada de morte rápida (apoptose) cando as súas funcións esenciais están alteradas. Os oncoxenes activados poden causar que as células que estaban destinadas á apoptose sobrevivan e proliferen.[3] A maioría de oncoxenes requiren para causar cancro un paso adicional, como que haxa mutacións noutro xene, ou factores ambientais, como infeccións virais. Desde a década de 1970, identificáronse ducias de oncoxenes que actúan en cancros humanos. Moitos fármacos contra o cancro teñen como diana as proteínas codificadas por oncoxenes.[2][4][5][6]
O descubrimento e coñecemento dos oncoxenes confirmou que o cancro é unha doenza xenética coas seguintes matizacións:
- O desenvolvemento dun cancro non é debido á expresión dun só oncoxene. Cómpre a acumulación de varios oncoxenes nunha soa célula (teoría clonal) ou un número determinado de oncoxenes iguais en varias células para que se manifeste o cancro.
- Os oncoxenes non son a única causa do cancro. O sistema inmunitario tamén é un dos factores reguladores, ao eliminar células cancerosas (que manifestan oncoxenes) ou, ao contrario, non recoñecer as células malignas e permitir a súa supervivencia e proliferación. O cancro é un conxunto de doenzas multifactoriais, polo que os oncoxenes non son a súa única causa.