Propiedade emerxente
From Wikipedia, the free encyclopedia
Unha propiedade emerxente fai referencia a aquela propiedade ou proceso dun sistema non reducible a unha propiedade ou proceso das partes constituíntes de tal sistema.
O concepto de propiedade emerxente ou emerxencia aplica ao proceso de formación de modelos complexos a partir de regras simples. Este pode ser un proceso dinámico no tempo, como a evolución do cerebro humano a través de millares de xeracións sucesivas; ou tamén relacionado coa escala, como as interaccións entre un conxunto de neuronas producindo un cerebro humano capaz de pensar (sen que unha neurona individual teña consciencia propia). Para que unha propiedade se nomee emerxente nun sistema, debe xeralmente ser inesperada e imprevisíbel en función da descrición dos elementos constituíntes de tal sistema, nos que xeralmente tal propiedade non existe ou existen só algúns trazos no nivel máis baixo.
O concepto de emerxencia relaciónase estreitamente cos conceptos de autoorganización e superveniencia e defínese en oposición aos conceptos de reducionismo e dualismo. A mente, por exemplo, é considerada por moitos como un fenómeno emerxente xa que xorde da interacción distribuída entre diversos procesos neuronais (incluíndo tamén algúns corporais e da contorna) sen que poida reducirse a ningún dos compoñentes que participan no proceso (ningunha das neuronas por separado é consciente). O concepto de emerxencia é moi discutido na ciencia e na filosofía debido á súa importancia como base das ciencias e as posibilidades de redución entre as mesmas. O concepto de emerxencia adquiriu renovada forza a raíz do auxe das ciencias da complexidade e xoga un papel fundamental na filosofía da mente e a filosofía da bioloxía.