Probas da selección natural proporcionadas pola coloración
From Wikipedia, the free encyclopedia
As probas da selección natural proporcionadas pola coloración son as probas proporcionadas pola coloración animal como evidencias da ascendencia común dos seres vivos debida á selección natural, achegadas nun período inicial das teorías evolutivas darwinistas nas que había poucas evidencias dispoñibles. Na segunda metade do século XIX descubríronse tres funcións principais da coloración animal e foron utilizadas como evidencias da selección: camuflaxe (coloración protectora); mimetismo, tanto batesiano coma mülleriano, e aposematismo.
O libro de Charles Darwin A orixe das especies foi publicado en 1859, e nel argumentábase a partir de evidencias circunstanciais que a selección feita por criadores humanos de anmais podía producir cambios e que como existe unha loita pola existencia, debe existir unha selección natural que cause os cambios de forma natural. Pero faltáballe unha explicación da orixe da variabilidade xenética e dos mecanismos de herdanza, ambos esenciais na teoría. O biólogos consideraron en consecuencia moitas outras teorías alternativas á selección natural, que ameazaban con minar a evolución darwinista.
Algunhas das primeiras evidencias foron presentadas por contemporáneos de Darwin, os naturalistas Henry Walter Bates e Fritz Müller. Describiron formas de mimetismo que agora levan os seus nomes, baseadas nas súas observacións de bolboretas tropicais. Estes padróns altamente específicos de coloración son doadamente explicables por selección natural, xa que os predadores como as aves, que cazan usando a vista, capturan e matan máis a miúdo insectos que son peores imitadores de modelos doutros animais de mal sabor que os que os imitan mellor; pero eses padróns de coloración son difíciles de explicar doutro modo que non sexa a selección. Darwinistas como Alfred Russel Wallace e Edward Bagnall Poulton, e no século XX Hugh Cott e Bernard Kettlewell, buscaron probas de que estaba tendo lugar a selección natural. Wallace sinalou que a camuflaxe para a neve, especialmente a plumaxe e pelaxe que cambiaba coas estacións, suxería como explicación obvia que era unha adaptación para ocultarse. O libro de Poulton de 1890, The Colours of Animals, escrito durante oo período chamado eclipse do darwinismo, utilizou todas as formas de coloración para argumentar en favor da selección natural. Cott describiu moitos tipos de camuflaxe, e en particular os seus debuxos de casos de coloración disruptiva coincidente en ras convenceron outros biólogos de que esas marcas que enganaban eran produto da selección natural. Kettlewell experimentou sobre a evolución de Biston betularia, mostrando que esta especie se adaptara aos cambios na contaminación ambiental; isto proporcionou un importante apoio á evolución darwinista.