En ecoloxía, o principio da exclusión competitiva,[1] ás veces denominado lei de Gause da exclusión competitiva,[2] afirma que dúas especies que compiten polos mesmos recursos non poden coexistir a valores de poboación constantes, se os outros factores ecolóxicos permanecen constantes. Cando unha especie ten aínda que só sexa unha pequena vantaxe sobre a outra, entón a que ten a vantaxe acabará dominando a longo prazo. Un dos dous competidores será sempre superado polo outro, o que conducirá á extinción do competidor con desvantaxe ou a un cambio de comportamento ou evolutivo adaptándose a un novo nicho ecolóxico. O principio foi parafraseado coa máxima "os competidores absolutos non poden coexistir".[1]
Modelo autómata celular baseado en lóxica determinista individual da competición interespecífica para un só recurso limitado. Un mecanismo de exclusión competitiva dunha especie por outra.
O principio da exclusión competitiva afirma que dúas especies non poden coexistir a valores de poboación constantes se compiten polo mesmo recurso. Neste exemplo, o estadio 1 mostra unha especie máis pequena de ave (amarela) que se alimentaba orixinalmente de insectos por toda a árbore. No estadio 2, introdúcese unha especie invasora máis grande (vermella) que compite coa amarela polos mesmos recursos. Co paso do tempo, a especie vermella invasora domina á especie amarela na competición na parte media da árbore e polos recursos máis abondosos, como se mostra no estadio 3. A especie amarela adáptase ao seu novo nicho ecolóxico e así ambos os paxaros poden subsistir evitando a competición. A especie amarela foi excluída da zona media das árbores.