Pirámide de poboación
From Wikipedia, the free encyclopedia
A pirámide de poboación consiste graficamente nun dobre histograma de frecuencias. As barras do dobre histograma dispóñense en forma horizontal, é dicir, sobre a liña das abscisas, e convencionalmente indícanse os grupos de idade da poboación masculina á esquerda e os que representan a poboación feminina á dereita. Á súa vez, no eixo das ordenadas disponse e identifícanse os grupos de idade, polo xeral, de cinco en cinco anos (0 a 4, 5 a 9, 10 a 14 etc.), colocando as barras de menor idade na parte inferior do gráfico e aumentando progresivamente cara á cúspide as idades de cada intervalo. Cando existe unha información detallada (nacementos e defuncións anuais) podemos elaborar unha pirámide de poboación tamén con esa información detallada (barras de ano en ano). A escala das abscisas pode representar valores absolutos (é dicir, número de habitantes de cada grupo de idade e sexo) ou relativos, é dicir, porcentaxes de cada grupo de idade e sexo con relación á poboación total.
![]() | Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde abril de 2018.) |
![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/a/a3/Argentina_population_pyramid_2005.png/320px-Argentina_population_pyramid_2005.png)
Este tipo de gráfico toma o seu nome da forma que adopta nas sociedades que teñen unha poboación cunha ampla base debido ao gran número de nacementos e que se estreita paulatinamente pola mortalidade crecente e acumulativa a medida que aumenta a idade da poboación.