Pirámide de Zoser
From Wikipedia, the free encyclopedia
A pirámide de Zoser é a tumba do faraón Zoser de Exipto (III Dinastía, século XXVII a.C.). Coñécese tamén como pirámide de chanzos e foi edificada por Imhotep, o primeiro arquitecto de nome coñecido. É a construción máis notábel da necrópole de Saqqara e foi o prototipo das pirámides de Gizeh e das restantes pirámides exipcias.
Pirámide de Zoser | |
---|---|
Pirámide de chanzos de Zoser desde o sur | |
Patrimonio da Humanidade - UNESCO | |
País | Exipto |
Localización | |
Tipo | Cultural |
Criterios | I, III e (iv) |
Inscrición | 1979 |
Rexión da UNESCO | Mundo árabe |
Identificador | 86 |
Até a construción da pirámide de Zoser, as tumbas reais consistían en cámaras subterráneas cubertas por unha estrutura de barro en forma de pirámide truncada, chamadas mastabas. A pirámide de Zoser está feita en pedra e consiste en seis mastabas enormes, unha sobre a outra. Ademais, a pirámide encádrase nun recinto que constitúe un complexo funerario.
A pirámide de chanzos sitúase no centro deste recinto rectangular de 554 m de norte a sur e 277 m de leste a oeste. A muralla é de calcaria, medía orixinalmente 10,5 m de altura e tiña catorce portas falsas e só unha verdadeira, que tamén imita unha porta falsa. As construcións teñen fachadas exteriores coidadas mais os interiores son bastos.
Esta entrada na porta falsa leva a un patio pequeno e logo a un corredor de 40 columnas, divididas en dúas fileiras, sobre as que se apoiaba unha cuberta de bloques escuadrados e arredondados na parte interior, como imitando troncos de palmeira. O corredor divídese en dúas partes de tamaño desigual e remata unha sala rectangular con oito columnas unidas de par en par por pilastras. Estas columnas son as únicas fasciculadas da arte exipcia.
A continuación, e tras outra porta falsa, hai un patio amplo con dúas construcións enigmáticas que talvez representan as fronteiras norte e sur do treito entre as que o faraón debía realizar a carreira simbólica durante a cerimonia Sed.