Período de entreguerras
período histórico (1918-1939) / From Wikipedia, the free encyclopedia
Coñécese como período de entreguerras ou interbellum ao período duns vinte anos comprendido entre o final da primeira guerra mundial (1918) e o inicio da segunda guerra mundial (1939). Foron dúas décadas marcadas polo cambio radical da relación entre as forzas internacionais, a consolidación de réximes autoritarios, os avances técnicos e polo marcado contraste entre un enorme desenvolvemento do capitalismo (anos 1920) e a súa maior crise (anos 1930).
Politicamente, este período viuse caracterizado pola crise das democracias liberais, o ascenso dos fascismos e os réximes autoritarios, así como o auxe dos movementos obreiros de inspiración socialista ou comunista que se inspiraban no triunfo bolxevique da Revolución Rusa. Economicamente, viu a recuperación da Gran Guerra e unha etapa de euforia económica durante os anos de 1920 que se vería truncada polo Crac do 29 e unha profunda crise que marcou os anos 30. Tradicionalmente, a historiografía sinalou esta época como o preludio que acabaría desembocando na Segunda guerra mundial e adoita dividilo en catro etapas: a recuperación postbélica (1919-1924), o auxe económico (1925-1929), a Gran Depresión (1929-1933/1936) e a xestación da segunda guerra mundial (1933/1936-1939).
Na primeira etapa os países capitalistas, cuxa cabeza era xa visiblemente Estados Unidos, viviron momentos de gran desenvolvemento económico. Este período é coñecido como os felices anos vinte.