Pegada xenética
From Wikipedia, the free encyclopedia
A pegada xenética ou perfil de ADN (do inglés DNA fingerprinting ou DNA profiling) ou tamén proba do ADN, análise de ADN, pegada dactilar do ADN ou tipificación do ADN é unha técnica empregada en ciencia forense para axudar á identificación de individuos segundo certas particularidades do seu ADN. As pegadas xenéticas ou perfís de ADN son conxuntos encriptados de números que indican como está formado o ADN dunha persoa nas porcións examinadas, polo que poden utilizarse para identificar a unha persoa, por exemplo, en probas de paternidade ou investigación criminal. Tamén teñen usos filoxenéticos e en identificacións microbiolóxicas. A pegada xenética non debe confundirse coa secuenciación completa do xenoma, xa que só se secuencian unhas porcións concretas do xenoma distintivas.[1]
Aínda que o 99% das secuencias de ADN humanas son as mesmas en todas as persoas, o resto do ADN ten diferenzas dabondo como para distinguir un individuo doutro, agás no caso dos xemelgos monocigóticos.[2] O que se analiza nas probas da pegada xenética son determinadas secuencias repetitivas e non codificantes que hai no ADN do xenoma humano, que son moi variables en canto ao seu número de repeticións,[2] denominadas repeticións en tándem de número variable (VNTR), especialmente un grupo delas denominadas repeticións en tándem curtas ou STR (short tandem repeats). Os loci VNTR son moi similares entre seres humanos emparentados, pero como son moi variables en canto ao seu número de repeticións, é extremadamente improbable que individuos non emparentados teñan o mesmo número de repeticións nos VNTR se analizamos o número suficiente deles.
A técnica do perfil de ADN foi descuberta en 1984[3] por Alec Jeffreys na Universidade de Leicester en Inglaterra,[4] e empezou a estar dispoñible comercialmente en 1987.[5] Agora hai bases con datos de perfil de ADN en moitos países baseadas nesa técnica.