Pecado orixinal antixénico
From Wikipedia, the free encyclopedia
O pecado orixinal antixénico, tamén coñecido como efecto Hoskins,[1] é a propensión do sistema inmunitario do corpo a utilizar preferentemente a memoria inmunolóxica baseada en infeccións previas cando se encontra cunha segunda versión lixeiramente diferente da entidade allea (por exemplo, un virus ou bacteria). Isto deixa o sistema inmunitario "atrapado" pola primeira resposta que desenvolveu contra cada antíxeno e non pode orixinar respostas potencialmente máis efectivas durante as seguintes infeccións. O fenómeno do pecado orixinal antixénico describiuse en relación con virus como o da gripe, dengue, virus da inmunodeficiencia humana (VIH) entre outros.[2]
Este fenómeno describiuse primeiramente en 1960 por Thomas Francis, Jr. no artigo "On the Doctrine of Original Antigenic Sin" (Sobre a doutrina do pecado orixinal antixénico).[3][4] Foi nomeado por analoxía co concepto teolóxico do pecado orixinal. Segundo Thomas Francis, que describiu orixinalmente a idea,[3] e citado por Richard Krause:[4]
"O anticorpo da nenez é en grande medida unha resposta ao antíxeno dominante do virus causante da primeira infección de gripe tipo A da vida. [...] A impronta establecida pola infección polo virus orixinal goberna a resposta de anticorpos de aí en adiante. A isto chamámoslle a doutrina do pecado orixinal antixénico."