Beato Pío IX tamén coñecido como Pío Nono, nado en Senigallia o 13 de maio de 1792 e finado en Roma o 7 de febreiro de 1878, foi un relixioso italiano, Sumo Pontífice, derradeiro soberano temporal dos Estados Pontificios, bispo de Roma e papa número 255 da Igrexa católica dende o 16 de xuño de 1846 ata a súa morte.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xullo de 2017.) |
Antes da súa elección, o seu nome era Giovanni Maria Mastai Ferretti. O seu pontificado de 31 anos e medio foi o máis longo da historia da Igrexa católica, exceptuando a tradición de que San Pedro, o apóstolo, estivo a cargo da Igrexa por un período de entre 34 e 37 anos.
Traxectoria
Giovanni Maria Mastai Ferretti naceu no seo dunha familia da nobreza. De mozo, quixo facer carreira na Garda Nobre, pero tras ser rexeitado a causa da súa epilepsia decidiu estudar teoloxía no seminario de Roma. Foi ordenado sacerdote en abril de 1819.
Ó principio, traballou como reitor do Instituto Tata Giovanni ata que foi enviado a Chile e o Perú (1823-1825) para axudar ó nuncio apostólico, Monseñor Giovanni Muzi, na primeira misión na Suramérica posrevolucionaria[1]. Regresou a Roma para dirixi-lo hospital de San Michele (1825-1827) e para ocupa-lo cargo de cóengo de Santa Maria in Via Lata.
En 1827, ós 35 anos de idade, foi nomeado arcebispo de Spoleto. Da súa etapa neste cargo destaca a amnistía que logrou para os que participaron nunha infrutuosa revolución que en 1831 se estendera a aquela cidade. Este feito fíxolle gañar fama de liberal. Ó ano seguinte dese suceso, foi trasladado á prestixiosa diocese de Imola, onde foi nomeado cardeal in pectore en 1839. En 1840, foi proclamado publicamente cardeal presbítero de Santi Pietro e Marcellino. Segundo os historiadores, o cardeal Mastai Ferretti foi considerado un liberal durante o seu episcopado en Spoleto e Imola porque apoiaba a reforma administrativas nos Estados Papais e simpatizaba co movemento nacionalista en Italia.
Elección papal
O conclave de 1846, que seguiu á morte de Gregorio XVI, tivo lugar nun momento de ambiente político inestable en Italia. Isto motivou que varios cardeais estranxeiros decidisen non asistir ó conclave. Ó seu comezo, só estaban presentes 46 dos 62 cardeais.
Ademais, o conclave de 1846 foi escenario dunha división entre conservadores e liberais. Os conservadores apoiaban ó cardeal Luigi Lambruschini, o secretario de Estado de Gregorio XVI. Os liberais, en cambio, apoiaban a dous candidatos: o cardeal Gizzi e o cardeal Mastai Ferretti. Na primeira votación, Mastai Ferretti obtivo quince votos e os demais votos foron para Lambruschini e Gizzi. Moitos pensaban que se Lambruschini non resultaba elixido, seríao Gizzi con toda probabilidade.
Chegado o conclave a un punto morto a causa do desacordo, os liberais e moderados decidiron votar por Mastai Ferretti - unha manobra que foi contraria ó sentir xeral de boa parte de Europa. O segundo día do conclave, o 16 de xuño de 1846, Mastai Ferretti foi elixido papa cunha maioría de 36 votos, mentres que Lambruschini só obtivo dez; Gizzi non recibiu ningún voto. Dado que era de noite, non se realizou ningún anuncio formal agás a fumata branca. Moitos católicos asumiron que Gizzi fora escollido como sucesor de San Pedro. De feito, empezou a haber celebracións na súa cidade natal e os seus axudantes, de acordo cunha antiga tradición, queimaron as súas vestiduras cardinalicias.
Á mañá seguinte, anunciouse a elección do cardeal Mastai Ferretti ante o que debeu de ser unha sorprendida multitude de católicos. Por suposto, cando o novo papa apareceu no balcón, o clima foi de xúbilo. Mastai Ferretti escolleu o nome de Pío IX en honra de Pío VII.
Pío IX foi coroado o 21 de xuño e nomeou a Gizzi secretario de Estado. Os liberais europeos aplaudiron a súa elección como sumo pontífice.
Papado
Pío IX tiña fama de ser un home culto e de ideas liberais. Cando saíu elixido, proclamou amnistía para os presos con delitos políticos e instituíu a Consulta, un órgano consultivo de representación popular que garantía máis liberdade para os cidadáns dos Estados Pontificios.
Durante as revolucións de 1848 en Roma proclamouse a República e o Papa tivo que fuxir de Roma disfrazado de monxe. Cando os seus territorios lle foron restituídos polos franceses, volveu animado por propósitos menos liberais.
Os seguintes actos que levo a cabo, tanto políticos como relixiosos foron encamiñados a salva-los Estados Pontificios, ameazados pola unificación dos territorios italianos que estaba levando a cabo o reino de Piemonte; en particular hai que destaca-la proclamación do dogma da Inmaculada Concepción, a convocatoria do Concilio Vaticano Primeiro, onde se proclamou a infalibilidade papal.
O esforzo de Pío IX foi en van. En 1870 o exército piemontés entrou en Roma.
Pío IX negouse a recoñece-lo reino de Italia, a establecer relacións diplomáticas con el e excomungou o rei. Os últimos anos do seu pontificado viviunos en condicións de illamento nos palacios do Vaticano, ata a súa morte en 1878.
Foi beatificado polo Papa Xoán Paulo II en 2000.
Notas
Wikiwand in your browser!
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.