Nomes da folla do piñeiro en Galicia
palabras para denominar á folla desta árbore / From Wikipedia, the free encyclopedia
Existe en Galicia unha riqueza sinonímica enorme que fai referencia á folla do piñeiro, habendo gran número de palabras para denominar á folla desta árbore. Fermín Bouza Brey publicou no ano 1948 Nombres de la hoja del pino en Galicia, nos Cuadernos de Estudios Gallegos do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento[1], traballo no que se recollen por orde alfabética un total de 92 termos diferentes para denominar á folla do piñeiro, e ó seu carón, os lugares onde son utilizados.
Segundo os datos recompilados no Atlas Lingüístico de Galicia (ALGa), non se produciron variacións significativas ó longo dos últimos anos canto á terminoloxía descrita por Bouza Brey, polo que segue estando vixente na actualidade.
Hai que apuntar que malia ser o piñeiro unha árbore presente en Galicia dende ben antigo, non ten gran relevancia fitonímica dentro do arborado galego e do norte de Portugal ata mediados do século XVIII, polo que a riqueza sinonímica actual non pode ser anterior a esa época[2].
As diferentes denominacións que reciben as follas do piñeiro poden facer referencia á folla verde ou á seca (sendo máis relevante a terminoloxía canto a esta última, polas aplicacións que ten no rural galego); tamén se pode facer referencia a unha acícula individual ou ó conxunto de varias acículas (predominando a terminoloxía referida ó conxunto de varias acículas xuntas). Por outra banda esta riqueza sinonímica non está implantada en toda Galicia por igual, sendo máis relevante naquelas zonas onde a presenza do piñeiro é máis significativa.