![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/9/92/Francisco_Franco_1930.jpg/640px-Francisco_Franco_1930.jpg&w=640&q=50)
Nomeamento de Franco como xeneralísimo
Proceso e contexto do nomeamento de xeneralísimo / From Wikipedia, the free encyclopedia
O nomeamento do xeneral Franco como "Xeneralísimo", tivo lugar o 21 de setembro de 1936 no aeródromo de San Fernando (Salamanca), durante unha reunión de altos mandos militares do sector do exército que se sublevou no anterior mes de xullo. O nomeamento foi feito oficial pola Xunta de Defensa Nacional o día 30 do mesmo mes, de forma simultánea co nomeamento de Franco como xefe do Goberno que tivo lugar o 28 de setembro.
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/9/92/Francisco_Franco_1930.jpg/640px-Francisco_Franco_1930.jpg)
O xeneral Franco non participara de forma significativa nos preparativos do golpe de Estado, aínda que sempre se lle reservou neles un papel importante: a dirección do alzamento no Protectorado de Marrocos e a xefatura do Exército de África. Trala inesperada morte do xeneral Sanjurjo, líder da rebelión, unha serie de factores beneficiaron a candidatura de Franco ao mando militar supremo: o establecemento de importantes acordos con Alemaña e Italia, o exitoso paso do estreito de Xibraltar, o rápido avance das súas forzas cara a Madrid e o decidido apoio do pequeno sector monárquico.
Aínda que se trataba dun cargo exclusivamente militar e estaba inicialmente previsto que a Xunta de Defensa Nacional seguise detendo o mando político, o nomeamento supuxo o inicio do rápido ascenso de Franco cara ao poder absoluto que permitiría a súa longa ditadura. Desde un punto de vista militar, a creación dun mando único conferiu unha importante vantaxe ao bando rebelde sobre o disperso bando republicano.