![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/0/05/Console-narc.jpg/640px-Console-narc.jpg&w=640&q=50)
Narcose de nitróxeno
From Wikipedia, the free encyclopedia
A narcose de nitróxeno é unha alteración reversible do estado de conciencia dun individuo no mergullo profundo con botella de aire comprimido. Prodúcese un efecto similar á intoxicación alcohólica ou á inhalación de óxido de nitróxeno.
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/0/05/Console-narc.jpg/640px-Console-narc.jpg)
O nitróxeno respirado a alta presión pode provocar unha sensación anormal de euforia e benestar e síntomas nerviosos e pode ralentizar ou entorpecer o funcionamento normal do cerebro. Os síntomas poden ser moi leves ao principio, aumentando a medida que o mergullador descende. Se un mergullador resulta afectado pola respiración de nitróxeno a alta presión, pode ter dificultades para realizar tarefas que normalmente serían sinxelas, como ler e interpretar os instrumentos, tomar decisións ou comunicarse cun compañeiro. A narcose de nitróxeno pode provocar vertixe ou desorientación, e mesmo perda do coñecemento se o mergullador segue descendendo.
Pode sobrevir a calquera profundidade, e vólvese máis evidente ao aumentar esta. Tampouco pode determinarse con precisión a profundidade á que aparecen os síntomas. A maioría de mergulladores non presentan ningún síntoma en profundidades inferiores aos 18 ou 24 m pero a partir dos 24 ou 30 m algúns poden resultar visiblemente afectados.
O tempo non é un factor que interveña na aparición ou alivio da narcose. Os síntomas poden aparecer no preciso momento de chegar a unha determinada profundidade e desaparecer en canto o mergullador ascende un pouco. Non se pode dicir que exista un período de recuperación. Isto facilita o remedio: sinxelamente ascenden lentamente a unha menor profundidade.
O mecanismo que desencadea a narcose de nitróxeno nos mergulladores non está completamente explicado, pero é un efecto directo das altas presións de nitróxeno sobre a transmisión nerviosa. Se ben o efecto narcótico foi observado inicialmente co nitróxeno, outros gases como o argon, o hidróxeno causan efectos similares baixo altas presións; o xenon mesmo pode ser usado como anestésico a presión atmosférica. Este efecto dos gases baixo presión sobre o sistema nervioso é coñecido de xeito xeral como a narcose de gases inertes.
Debido á alteración perceptual e cognitiva de quen padece unha narcose deste tipo, a súa aparición non é doada de recoñecer e a súa severidade é difícil de establecer. Ademais, pode resultar letal polo seu efecto tóxico intrínseco ou como resultado do comportamento ilóxico nun ambiente de risco como é o mergullo autónomo. Os efectos son, porén, doadamente reversibles por desapareceren ao diminuír a presión (ao ascender a menores profundidades ou a presión atmosférica).