Nadia Comăneci
ximnasta romanesa / From Wikipedia, the free encyclopedia
Nadia Elena Comăneci, nada en Oneşti[1] o 12 de novembro de 1961, é unha ximnasta romanesa retirada, que competiu na disciplina de ximnasia artística. Segue a ser considerada un ídolo mundial deportivo e unha das grandes atletas de todos os tempos.
Comăneci foi unha das primeiras alumnas do adestrador Béla Károlyi. Na súa carreira gañou 9 medallas olímpicas, 5 delas de ouro, e foi a primeira ximnasta en conseguir un 10 (execución perfecta) en ximnasia artística nuns Xogos Olímpicos. Amais, conseguiu 4 medallas mundiais e 12 europeas. Xunto coa rusa Svetlana Khorkina, Nadia é posuidora do tricampionato do individual xeral continental, amais de ser bicampioa olímpica na barra de equilibrio. No que respecta aos campionatos nacionais, aínda posúe o pentacampionato do concurso xeral.
Dende que deixou a vida de atleta profesional, Comăneci continuou involucrada no deporte. É membro dalgunhas asociacións e federacións, fundadora dunha institución filantrópica e colaboradora noutras tanto en Romanía como nos Estados Unidos. Colabora coa revista International Gymnast, unha das publicacións máis importantes da ximnasia, xunto co seu marido, o tamén ximnasta retirado Bart Conner. Polas súas notas e conquistas, é considerada unha das maiores ximnastas da modalidade de todos os tempos. Fuxida do réxime comunista de Romanía, afincouse nos Estados Unidos e tornouse cidadá do país. Alí tivo o seu único fillo, Dylan, e abriu un ximnasio e unha empresa de equipamentos ximnásticos que produce unha liña de roupa.
Entre os recoñecementos persoais conta coa dobre Orde Olímpica. Cando lle foi entregada a primeira era a atleta máis nova en conseguir tal distinción. Foi elixida como unha das cen mulleres máis importantes do século XX. Desde 1993 figura no International Gymnastics Hall of Fame, no cal foi a segunda inserida dende a súa inauguración. Foi elixida polo líder comunista romanés Nicolae Ceauşescu como unha "heroína do traballo socialista", a máis nova en conseguilo. Tamén foi elixida en Romanía a atleta máis importante do país nunha votación realizada en 2006. En 2007 foi escollida polo público como a celebridade máis confiable da nación. Foi elixida a mellor atleta do século XX polo xornal portugués Mundo Desportivo e recibiu da World Records Academy o título de recordista mundial na súa modalidade.