Moedas conmemorativas da Exposición Panamá-Pacífico
serie de moedas conmemorativas estadounidenses (1915) / From Wikipedia, the free encyclopedia
As moedas conmemorativas da Exposición Panamá-Pacífico son unha serie de cinco pezas emitidas en prata e en ouro pola Casa da Moeda dos Estados Unidos con ocasión da Exposición Internacional Panamá-Pacífico de San Francisco, en 1915.
As cinco moedas están cuñadas na Ceca de San Francisco e a emisión incluíu pezas redondas e octogonais de 50 dólares. Agás as actuais moedas de investimento, estas dúas pezas, cuñadas en ouro, son as de maior valor facial emitidas nos Estados Unidos, e a moeda de forma octogonal é a única moeda deste país que non é redonda.
En xaneiro de 1915, o Congreso aprobou unha lei pola que se autorizaba a emisión de moedas de medio dólar de prata, un dólar de ouro, 2½ dólares de ouro e as devanditas dúas moedas de 50 dólares de ouro. Logo de que a Casa da Moeda lle propuxese a algúns artistas que achegasen os seus modelos, o secretario do Tesouro William G. McAdoo rexeitou inicialmente todas as propostas, aínda que finalmente se aceptaron os deseños de Robert I. Aitken para as dúas pezas de 50 dólares e de Charles Keck para o dólar de ouro. Do deseño das moedas de medio dólar de prata e de 2½ dólares de ouro encargouse directamente o daquela gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos, Charles E. Barber, coa participación do seu asistente, George T. Morgan.
A comercialización destas moedas conmemorativas encomendóuselle ao numismático Farran Zerbe. A serie non gozou de moita aceptación e a súa venda non foi a esperada, polo que moitas das moedas cuñadas foron devoltas á Casa da Moeda para a súa refundición. Só se distribuíron comercialmente unhas poucas centenas de cada unha das pezas de 50 dólares, o que as converteu nas moedas conmemorativas de menor tiraxe dois Estados Unidos. Os seus prezos no mercado numismático roldan os 200.000 dólares, en función do seu estado de conservación.