![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/e/e7/1852_3_Cent_Silver_-_Type_1.jpg/640px-1852_3_Cent_Silver_-_Type_1.jpg&w=640&q=50)
Moeda de prata de 3 centavos de dólar estadounidense
antiga moeda estadounidense (1851-1873) / From Wikipedia, the free encyclopedia
A moeda de 3 centavos de dólar de prata, foi unha moeda emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos e cuñada en prata nas cecas de Filadelfia e de Nova Orleáns entre 1851 e 1873, co valor facial de 3 centavos.
3 centavos de dólar de prata
Tipo 1 (1851-1853) [1] | |
---|---|
![]() | |
A/: Escudo nunha estrela de seis puntas. Data.
Lenda: UNITED STATES OF AMERICA |
R/: Valor facial en números romanos dentro dun C estilizado. Arredor, 13 estrelas.
Lenda: III C |
|
O autor do seu deseño foi o gravador xefe da Casa da Moeda dos EEUU, James B. Longacre.
Como consecuencia da masiva produción de ouro durante a febre do ouro de California, a prata podía cambiarse por cantidades cada vez maiores de ouro, polo que as moedas de prata abandonaron a circulación e acabaron acaparadas pola poboación, enviadas ao exterior ou fundidas. Deste xeito, a actividade do comercio cotián dificultábase, ao non disporse de moeda miúda para as voltas. Neste contexto, o Congreso autorizou a creación dunha nova moeda de prata de 3 centavos cuñada en prata de 750 milésimas, no canto da habitual de 900 milésimas, para causar na poboación a idea de que se trataba dunha boa moeda e, ao mesmo tempo, desalentar o seu acaparamento. Para escoller o valor de 3 centavos contribuíu a baixa das tarifas postais, de 5 centavos a 3 centavos, o que faría máis útil a nova moeda.
Os 3 centavos de prata tiveron un bo acollemento e un uso xeneralizado nos primeiros anos, mais a volta á circulación doutros valores pequenos fixo que se fose utilizando menos, e o caos económico ocasionado pola guerra civil estadounidense, que provocou un novo acaparamento da moeda de prata, fixo que perdese o seu papel no comercio. A partir de 1865 conviviu con outra moeda do mesmo valor, aínda que cuñada en cuproníquel e, mentres que esta última tiña unha produción anual abundante, as tiraxes dos 3 centavos de prata foron decrecendo progresivamente ata que foi cancelada pola Lei da Moeda de 1873.