Mito da creación
From Wikipedia, the free encyclopedia
Un mito da creación é unha narración simbólica que explica como empezou o mundo e como apareceron as primeiras persoas que o habitaron.[2][3] Aínda que no uso popular o termo mito a miúdo se refire a historias falsas ou fantasiosas, o certo é que, formalmente, non implica falsidade. As culturas en xeral consideran que os seus mitos de creación son verdadeiros.[4][5] Xeralmente, na sociedade na que se conta, un mito da creación considérase que transmite profundas verdades, xa sexa de forma metafórica ou simbólica e ás veces nun sentido histórico ou literal.[6][7] Aínda que non sempre, o máis común é que se consideren mitos cosmogónicos, é dicir, describen a ordenación do cosmos desde un estado inicial de caos ou amorfo.[8]
Os mitos da creación adoitan compartir varias características. A miúdo son considerados relatos sagrados e poden encontrarse en case todas as tradicións relixiosas.[9] Todas son historias cun argumento e personaxes que son deidades, figuras de tipo humano, ou animais, que a miúdo falan e se transforman doadamente.[10] Xeralmente están situadas nun pasado borroso e non especificado que se pode denominar in illo tempore ("naquel tempo"), como o fixo o historiador das relixións Mircea Eliade.[9][11] Os mitos da creación tratan cuestións con profundo significado para a sociedade que os comparte, que revelan a súa visión do mundo básica e o marco para a autoidentidade da cultura e o individuo nun contexto universal.[12]
Os mitos da creación desenvólvense en tradicións orais e, por tanto, teñen normalmente múltiples versións;[3] encóntranse en todas as culturas humanas e son as formas máis comúns de mito.[6]