Música minimalista
corrente musical contemporánea / From Wikipedia, the free encyclopedia
A música minimalista é unha corrente da música contemporánea xurdida nos Estados Unidos na década de 1960, que representa unha parte importante da música clásica deste país. Os principais compositores cos que é asociada esta corrente son os americanos La Monte Young, Terry Riley, Steve Reich, Philip Glass, e John Adams.[1][2][3][4] A obra considerada como a fundadora do minimalismo musical é In C composta en 1964 por Terry Riley. Ás veces se refire á música minimalista coa denominación máis ampla de música posmoderna.
Máis que un retorno á tonalidade, esta corrente caracterízase principalmente pola utilización dunha pulsación regular e a repetición de motivos curtos que evolucionan lentamente. Máis aló dun movemento de reacción ao serialismo integral, daquela dominante en Europa, a música minimalista marcou o xurdir dunha música americana innovadora, liberándose dos seus vínculos europeos. Os compositores minimalistas tamén realizaron un retorno a unha música de maior emoción, en lugar do enfoque esencialmente intelectual da música serial, ou o enfoque conceptual da música experimental levada a cabo por John Cage. Despois duns inicios difíciles fóra dos circuítos tradicionais da música clásica, a música minimalista adquiriu a presenza dun certo público, ás veces de universos diferentes coma o jazz, o rock, a improvisación libre, ou a música electrónica. A televisión e o cinema teñen empregado frecuentemente esta música, en particular obras de Philip Glass, contribuíndo á súa difusión entre o gran público. Certas críticas violentas tamén se teñen expresado dende o mundo musical, acusando ao minimalismo de producir un consumidor de música superficial e sen alma.