Mácula lútea
From Wikipedia, the free encyclopedia
A mácula lútea (do latín "mancha amarela") ou mácula da retina ou, simplemente, mácula, é unha área pigmentada de forma oval que se encontra preto do centro da retina do ollo humano, que é a zona con maior agudeza visual do ollo. Ten un diámetro duns 5,5 mm. A mácula subdivídese en varias áreas, chamadas: umbo, foveola, zona avascular foveal, fóvea, parafóvea, e perifóvea.[1] Despois da morte ou da extirpación do ollo a mácula ten cor amarela, unha cor que non é visible no ollo vivo a non ser que se observe con luz na que se filtrou a cor vermella.[2] A mácula anatómica, de 5,5 mm de diámetro, é moito maior ca a mácula clínica, de só 1,5 mm, a cal se corresponde coa fóvea anatómica.[3][4][5] A mácula clínica pode verse desde a pupila mediante unha oftalmoscopia ou fotografía da retina. A mácula anatómica defínese histolóxicamente por ter dúas ou máis capas de células ganglionares.[6]
Mácula da retina | |
---|---|
Sección do ollo humano coa mácula preto do centro. | |
Latín | macula lutea |
Gray's | pág.1015 |
MeSH | Macula+Lutea |
Preto do centro da mácula está a fóvea, que é unha pequena depresión que contén a maior concentración de células cono de toda a retina e é responsable da visión de máxima resolución central. O ollo intenta enfocar as imaxes na fóvea para ter unha maior resolución, por exemplo para ler. O umbo é o centro da foveola, a cal está localizada no centro da fóvea.