Literatura anglosaxoa
From Wikipedia, the free encyclopedia
A literatura anglosaxoa (ou literatura en inglés antigo) abarca a literatura escrita en anglosaxón (inglés antigo) durante os seiscentos anos de período anglosaxón na Gran Bretaña, dende a metade do século V ata a Conquista Normanda de 1066. Estes traballos inclúen xéneros tales como a poesía épica, haxiografía, sermóns, traducións da Biblia, traballos legais, crónicas, adiviñanzas e outros. Entre todos forman unha escolma de catrocentos manuscritos do período, un importante corpus para a investigación especialista e de interese popular.
Algúns dos traballos máis importantes deste período inclúen o poema Beowulf, que conseguiu o status de épica nacional na Gran Bretaña. A Crónica Anglosaxoa é unha escolma dos acontecementos máis importantes da historia temperá inglesa. O poema Cædmon's Hymn do século VII é un dos textos máis vellos escritos en inglés.
A literatura anglosaxoa pasou por diferentes períodos de investigación. No século XIX e a comezos do século XX a investigación centrábase nas raíces xermánicas do inglés, posteriormente fíxose fincapé nos méritos literarios, e hoxe a investigación está centrada na paleografía e nos propios manuscritos físicos: os filólogos debaten asuntos como a datación, lugar de orixe, autoría, e as conexións entre a cultura anglosaxoa e o resto de Europa na Idade Media.
Os textos máis antigos en inglés datan do século V d.C e son de carácter epigráfico. Trátanse de pequenas inscricións escritas co alfabeto rúnico anglosaxón ou fuþorc e sen intencións literarias. O alfabeto latino foi introducido polos primeiros misioneiros cristiáns e canda el o cultivo literario do inglés. Os primeiros traballos literarios datan do século VII d.C e foron escritos nos diferentes dialectos anglosaxóns: os dialectos anglos de Mercia e Northumbria e os dialectos saxóns de Wessex e Kent, actualmente coñecidos como (inglés antigo). A tradición oral era o método de transmisión literaria nas sociedades anglosaxoas, cumprindo unha importante función a figura do scope ou poeta que, cultivado no coñecemento da historia e a lei, viaxaba dunha tribo a outra transmitindo cancións, lendas, poemas e outro tipo de informacións. A súa función social máis importante era a de perpetuar valores heroicos como a lealdade, a forza ou a coraxe a través das súas composicións literarias. Coa chegada do cristianismo e tras a súa aceptación polos líderes anglosaxóns construíronse numerosos mosteiros por toda Inglaterra nos que os primeiros cristiáns recolleron en manuscritos a literatura oral anglosaxoa, incorporando aos textos alusións ao cristianismo coa intención de predicaren a súa doutrina.