Lista de gañadores dos Premios Nobel
artigo de listas da Wikimedia / From Wikipedia, the free encyclopedia
Os Premios Nobel (sueco: Nobelpriset, noruegués: Nobelprisen) son premios outorgados anualmente pola Academia Sueca Real de Ciencias, a Academia Sueca, o Instituto Real Sueco de Medicina e Cirurxía de Karolinska e o Comité Noruegués do Nobel, a aqueles individuos e organizacións que fan contribucións destacadas nos campos da química, física, literatura, paz e fisioloxía ou medicina.[1] Establecéronse no ano 1895 seguindo o testamento de Alfred Nobel, quen indicou que os premios debían estar administrados pola Fundación Nobel. O Premio Nobel de Economía estableceuno no ano 1968 o Sveriges Riksbank, o banco central de Suecia, para premiar as contribucións no campo da economía. Cada un dos premiados recibe unha medalla de ouro, un diploma e unha determinada cantidade de cartos seguindo os criterios que a Fundación Nobel establece cada ano.[2]
Cada un dos comités encárgase de outorgar un ou máis premios. A Academia Real Sueca das Ciencias outorga os premios de Física, Química e Economía. O Instituto Karolinska encárgase de outorgar o premio en Fisioloxía ou Medicna, e o Comité Noruegués do Nobel outorga o da Paz.[3] A cantidade en metálico recibida por cada un dos premiados foi variando cós anos.[2] No ano 1901, os primeiros premiados recibiron 150 782 SEK, o que equivale a 7 731 004 SEK de decembro do 2007. No ano 2008, os premiados recibiron unha cantidade de 10 000 000 SEK.[4] Os premios preséntanse en Estocolmo nunha cerimonia anual que ten lugar o 10 de decembro, coincidindo co aniversario do falecemento de Alfred Nobel.[5]
Nos anos nos que o Premio Nobel non se outorgou debido a eventos externos ou falta de nomeamentos, o premio en metálico retornouse ós fondos delegados a cada un dos premios relevantes.[6] O premio non se outorgou entre os anos 1940 e 1942 debido os acontecementos da segunda guerra mundial.[7]
Entre os anos 1901 e 2015 os Premio Nobel foron outorgados 573 veces a 900 persoas e organizacións. Algúns deles recibiron o premio en máis dunha ocasión, sendo en contreto un total de 870 individuos (822 homes e 48 mulleres) e 23 organizacións. Catro premiados non puideron aceptar o premio por mor da negativa dos seus gobernos correspondentes. Adolf Hitler prohibiulles aceptar o premio a tres alemáns, Richard Kuhn (Química, 1938), Adolf Butenandt (Química, 1939) e Gerhard Domagk (Fisioloxía ou Medicina, 1939), e o goberno da Unión Soviética impeleu a Boris Pasternak (Literatura, 1958) para que declinase o premio. Dous premiados, Jean-Paul Sartre (Literatura, 1964) e Lê Ðức Thọ (Paz, 1973), tamén declinaron o premio. Sartre non aceptou xa que renunciaba a todos as honras oficiais que recibía, e Lê non o aceptou por mor da situación de Vietnam naquel entón.
Seis dos premiados recibiron máis dun galadrón. Destes seis, o Comité Internacional da Cruz Vermella recibiu o premio tres veces, máis que ningún outro premiado.[8] ACNUR recibiu o Premio Nobel da Paz en dúas ocasións. John Bardeen recibiu o Premio Nobel de Física en dúas ocasións, mentres que Frederick Sanger recibiu o de Química tamén en dúas ocasión. Marie Curie recibiu o premio de Física e o de Química, e Linus Pauling o de Química e o da Paz. Entre os 870 individuos premiados, 48 foron mulleres. A primeira muller en recibir o premio foi Marie Curie no ano 1903.[9] Curie foi tamén a primeira persoa en gañar dous premios, o segundo deles en 1911.[8]