Lingua kʼicheʼ
lingua da familia maia / From Wikipedia, the free encyclopedia
A lingua kʼicheʼ ou quiché[3] é unha lingua que forma parte do grupo quicheano de linguas, que forman parte da familia lingüística das linguas maias. É falada maioritariamente polos membros do pobo kʼicheʼ, orixinaria de Guatemala, aínda que tamén ten presenza no sueste de México a causa da migración de refuxiados a este país durante o período da Guerra Civil Guatemalteca nos anos oitenta do século XX. Ten arredor dun millón de falantes en Guatemala,[1] e uns 524 falantes en México (2002), sendo a lingua maia coa comunidade lingüística máis extensa e a segunda lingua de Guatemala, despois do español. Moitos falantes do kʼicheʼ son bilingües da súa lingua nativa e do español, aínda que este fenómeno é menos frecuente nos ámbitos rurais illados.
Kʼicheʼ | ||
---|---|---|
Outros nomes: | Quiché | |
Falado en: | Guatemala e México | |
Rexións: | Poñente de Guatemala e sueste de México | |
Total de falantes: | ~1 000 000 en Guatemala[1] e 524 en México | |
Familia: | Linguas maias Quicheano-mameano Quicheano maior Quicheano Quiché-Achí Kʼicheʼ | |
Estatuto oficial | ||
Lingua oficial de: | Ningún pais | |
Regulado por: | Academia de Linguas Maias de Guatemala (Guatemala) Secretaría de Educación Pública (México) | |
Códigos de lingua | ||
ISO 639-1: | -- | |
ISO 639-2: | --- | |
ISO 639-3: | quc
| |
Mapa | ||
Status | ||
Existe unha substancial variación dialectal da lingua kʼicheʼ, a algúns dos seus dialectos son considerados ás veces como linguas separadas. A maior parte dos falantes empregan a variedade coñecida como kʼicheʼ central, que tamén é a máis empregada nos medios de comunicación e o ámbito educativo. Outros dialectos son o kʼicheʼ centro-occidental, kʼicheʼ de San Andrés, kʼicheʼ de Joyabaj, kʼicheʼ oriental, kʼicheʼ de Nahualá e kʼicheʼ de Cunén.
Aínda que non é unha lingua oficial nin en Guatemala nin en México, e os niveis de alfabetización como primeira lingua son baixos, a importancia do kʼicheʼ tende a crecer tanto nas escolas como na radio no territorio guatemalteco. É recoñecida como lingua nacional en Guatemala a raíz da "Lei de Idiomas Nacionais" aprobada polo Congreso de Guatemala no 2003. En México, como resultado das reformas da Constitución deste país, e das leis regramentarias derivadas, o kʼicheʼ ten o recoñecemento de lingua nacional, coa mesma validez no territorio mexicano que o español e outras sesenta e catro linguas indíxenas.
A obra máis coñecida escrita en kʼicheʼ clásico é o Pop Wuj, máis comunmente coñecido como Popol Vuh.