Lingua guaraní
From Wikipedia, the free encyclopedia
O guaraní,[5] facendo referencia exclusiva á variedade coñecida como guaraní paraguaio (avañe'ẽ 'a lingua da xente), é unha lingua indíxena de América do Sur que pertence á subfamilia tupí-guaraní[6] das linguas tupís. É unha das linguas oficiais de Paraguai (xunto co español), onde non é falada só polo pobo guaraní, senón pola maioría da poboación, e onde a metade da poboación rural é monolingüe.[7][8] É falada por outras comunidades en países veciños, incluíndo partes do noroeste da Arxentina, sueste de Bolivia e suroeste do Brasil, e é a segunda lingua oficial da provincia arxentina de Corrientes dende 2004;[9] tamén é lingua oficial de Mercosur.[10]
Guaraní Avañe'ẽ | ||
---|---|---|
Pronuncia: | ʔãʋ̃ãɲẽˈʔẽ | |
Falado en: | Arxentina, Brasil, Paraguai e Bolivia | |
Total de falantes: | 6 500 000 (2020)[1] | |
Familia: | Tupí Tupí-guaraní Guaraní Guaraní | |
Escrita: | Latino | |
Status oficial | ||
Lingua oficial de: | Paraguai[2] Bolivia Arxentina (Provincia de Corrientes)[3] Brasil (Mato Groso do Sur) Mercosur | |
Regulado por: | Academia da Lingua Guaraní | |
Códigos de lingua | ||
ISO 639-1: | gn | |
ISO 639-2: | grn | |
ISO 639-3: | gug
| |
Mapa | ||
Status | ||
O guaraní é unha das linguas máis faladas entre as linguas amerindias e a única entre cuxos falantes hai unha gran cantidade de non indíxenas. É un caso insólito en América, onde a substitución lingüística cara ás linguas coloniais europeas (neste caso o español) non se produciu, e foi acollida como un elemento máis da cultura e da identidade dos "mestizos" (xente de antergos españois e guaranís).
O sacerdote xesuíta Antonio Ruiz de Montoya, quen publicou en 1639 a primeira gramática do guaraní nun libro chamado Tesoro de la lengua guaraní, describiuna como unha lingua "tan completa e elegante que pode competir coa máis famosa [das linguas]."
O nome "guaraní" adoita empregarse para a lingua oficial de Paraguai. Porén, é parte dun continuo dialectal, a maioría dos cales tamén son chamados guaraní.