piloto de caza soviética From Wikipedia, the free encyclopedia
Lidia Vladimirovna Litviak (en ruso: Лидия (Лилия) Владимировна Литвяк), tamén coñecida como Lilia Litviak, nada en Moscova o 18 de agosto de 1921 e finada o 1 de agosto de 1943, foi unha piloto de caza da Forza Aérea Soviética durante a segunda guerra mundial. As súas accións na Batalla de Stalingrado valéronlle o seu alcume: o Lirio Branco de Stalingrado.
Nome orixinal | (ru) Лидия Владимировна Литвяк |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 18 de agosto de 1921 Moscova (República Socialista Soviética Federativa de Rusia) |
Morte | 1 de agosto de 1943 (21 anos) Kozhevnya (Unión Soviética) |
Causa da morte | morte en combate, morto en combate |
Lugar de sepultura | Dmytrivka (en) |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Unión Soviética |
Actividade | |
Campo de traballo | Fighter unit (en) |
Ocupación | piloto de guerra , oficial , as da aviación |
Período de actividade | 1942 - |
Lingua | Lingua rusa |
Carreira militar | |
Lealdade | Unión Soviética |
Rama militar | Forza Aérea Soviética |
Rango militar | junior lieutenant (en) |
Conflito | Fronte Oriental (segunda guerra mundial) |
Familia | |
Cónxuxe | Aleksey Solomatin |
Premios
| |
Con doce vitorias en solitario e entre dúas a catro compartidas, foi unha das únicas dúas ases de combate femininas da historia militar mundial, xunto á súa camarada Katia Budanova.[1][2] Litviak ostenta na actualidade o récord de derrubamentos en combate real por unha única muller. Desapareceu en acción durante a batalla de Kursk. Polos seus méritos en combate foi recoñecida postumamente como Heroína da Unión Soviética.
Nada en Moscova, gustáballe a aviación dende pequena. Aos 14 anos uniuse a un aeroclub popular soviético e aos 15 pilotou un avión por primeira vez. Obtivo a licenza de piloto deportiva aos 16 anos e a finais dos anos 30 recibiu a licenza de instrutora de voo.[3]
Ao comezar a invasión nazi da Unión Soviética en xuño de 1941, quixo unirse como voluntaria a unha unidade de aviación militar, pero foi rexeitada pola súa falta de experiencia. Tras esaxerar o seu historial de preguerra en 100 horas de voo, logrou que a admitisen no 586º Rexemento de Cazas (586 IAP), creado por Marina Raskova e composto unicamente por mulleres. Alí adestrou aos mandos dun caza Iakovlev Iak-1.
Levou a cabo as súas primeiras misións de combate durante o verán de 1942 sobre Saratov. En setembro asignárona —xunto a Katia Budanova e outras mulleres, tanto pilotos como persoal de terra— ao 437 IAP, un rexemento masculino corrente que loitaba en Stalingrado, onde estaban a sufrir perdas cuantiosas. Alí pilotou un caza Lavochkin La-5 e o 13 de setembro de 1942 logrou derrubar as súas dúas primeiras aeronaves inimigas sobre Stalingrado. A súa primeira caza, conseguida na segunda misión que realizaba, foi un bombardeiro Junkers Ju 88 ou un Heinkel He 111, en cooperación co comandante do rexemento.
Minutos despois alcanzaba a súa primeira vitoria en solitario, facendo caer un caza Messerschmitt Bf 109 G-2 "Gustav". Estaba pilotado polo sarxento Erwin Maier da 2ª Staffel, Jagdgeschwader 53, un ás alemán con once vitorias conseguidas e condecorado tres veces coa Cruz de Ferro. Maier puido saltar en paracaídas e foi capturado polas tropas soviéticas. Pediu que lle permitisen coñecer ao ás ruso que fora capaz de derrubalo. Cando lle presentaron a Lidia, unha rapariga miúda de aspecto infantil que acababa de cumprir 21 anos, Meier cría que os seus captores lle estaban gastando unha broma.[4]
O 27 de setembro comezou a chamar a atención dos seus superiores abatendo outro bombardeiro Junkers Ju 88 en solitario e un Messerschmitt Bf 109 xunto a Raisa Beliaieva. Entón Lidia, á que chamaban Lili ou Lilia (en ruso: Лилия, lirio), fixo pintar un lirio branco no seu avión como distintivo. Así naceu a lenda do Lirio Branco de Stalingrado, a rapaza de 21 anos que facía fuxir a aviación nazi ao distinguiren a flor na fuselaxe. Cara a finais de 1942, Lidia foi trasladada ao 9º rexemento de Cazas de Garda (9 GvIAP), unha unidade de elite.
O 11 de febreiro de 1943, pouco despois da vitoria soviética en Stalingrado, Lidia derrubou outros dous avións alemáns: un Junkers Ju 87 (Stuka) en solitario e un Focke-Wulf Fw 190 xunto con Alexei Solomatin.[5] Así acadou os cinco derrubamentos e converteuse nunha das dúas únicas ases femininas na historia da aviación militar mundial, xunto á súa compañeira Katia Budanova. Só doce días despois recibiu a Orde da Estrela Vermella, foi ascendida a tenente e seleccionada para participar nun grupo de táctica aérea de elite chamado okhotniki, ou cazadores por libre.[5] A táctica consistía en que dous pilotos altamente cualificados elevábanse para buscar inimigos seguindo o seu propio criterio e iniciativa, en lugar de formar parte dunha operación máis grande e controlada.
O 23 de marzo resultou ferida en combate. Tivo que realizar unha aterraxe forzada debido aos danos que sufriu a súa aeronave, pero axiña se recuperou. Entre marzo e maio abateu sen axuda catro cazas Messerschmitt máis e outro bombardeiro Junkers Ju 88. Estas proezas tamén a converteron nunha ás en solitario, o máximo rango na aviación.[5]
O 21 de maio o seu compañeiro Alexei Solomatin, tamén ás soviético, morreu ante todo o rexemento mentres instruía un piloto novato nun Po-2. Lidia, moi afectada, escribiulle unha carta a súa nai contándolle que estaba namorada del.[5] A mecánica de Lidia, a sarxento maior Inna Pasportnikova, informou en 1990 que a partir dese momento a moza unicamente quería voar nas misións de combate e que entón xa loitaba con furia e «desesperación».[6]
O 31 de maio ofreceuse voluntaria para derrubar un obxectivo extremadamente difícil e perigoso, un globo de observación de artillaría tripulado por un oficial alemán. Con eses globos, o inimigo podía asignar obxectivos precisos para a artillaría desde grandes distancias, e causar así graves danos. Moitos pilotos xa intentaran destruílo antes, pero todos foran repelidos polos densos cintos de lume antiaéreo que o protexían. No primeiro intento, Lidia tivo tamén que dar media volta, pois resultaba imposible superar aquelas barreiras. Máis tarde propúxolle ao seu comandante un plan diferente: atacaría dende detrás, voando nun amplo círculo de ducias de quilómetros sobre o territorio controlado polas tropas nazis.[7]
O 13 de xuño de 1943 foi nomeada comandante do 296º IAP, que logo pasou a chamarse 3º Escuadrón do 73º Rexemento de Cazas da Garda.[5] O 16 de xullo resultou ferida e tivo que realizar unha aterraxe forzosa. Nesa batalla derrubara un caza Messerschmitt que segundo algunhas fontes levaba pintado un ás de picas, o emblema do JG 53.
O 19 de xullo estaba de volta na contenda e a finais de mes conseguiu destruír tres avións Messerschmitt máis. O seu último derrubamento confirmado produciuse o 31 de xullo.[8]
O día seguinte, o 1 de agosto de 1943, o sector sur da batalla de Kursk proseguía con toda a intensidade. Lidia saíu combater catro veces ese día e crese que puido conseguir outro derrubamento durante a mañá, aínda que non se puido confirmar.
Finalmente, durante a cuarta misión da xornada, escoltando un voo de avións de ataque Ilyushin Il-2 Sturmovik a través do río Mius e a estrada que controlaba a conca industrial do Donbass, varios combatentes Messerschmitt Bf 109 atacáronos por sorpresa desde o alto. O Iakovlev Iak-1 de Lidia foi alcanzado por disparos de metralla en vertical.[9] Os compañeiros vírona caer, baixando cara ás nubes. O piloto soviético Ivan Borisenko descendeu para tratar de atopala, pero non avistou paracaídas, nin explosión nin fume. Non regresou xamais. Faltábanlle 17 días para cumprir os 22 anos.
A súa mecánica, Inna Pasportnikova, emprendeu unha busca durante 36 anos para atopar os restos do Iakovlev Iak-1 onde Lidia fora vista por última vez. Foi apoiada por familiares da aviadora, e tamén polo público e os medios de comunicación soviéticos. Empregaron un detector de metais para localizar lugares onde un avión podería ser derrubado durante a guerra. En 1979, despois de descubrir máis de 90 lugares nos que caeran outros pilotos, souberon que unha aviadora non identificada estaba enterrada nese momento baixo a á da súa aeronave, preto da cidade de Dmitrievka (Donetsk), cunha ferida mortal na cabeza. Unha análise forense determinou que se trataba de Lidia Litviak.[5]
Nos últimos tempos, algunhas fontes levantaron dúbidas sobre o seu destino final, sen achegaren ningunha evidencia ao respecto.[10][11][12]
O 6 de maio de 1990, o Presidente da Unión Soviética, Mikhail Gorbachev, condecorou a tenente primeira coa Estrela de Ouro de Heroína da Unión Soviética, como ás da aviación desaparecida en combate.[13]
Lidia Litviak dá nome a unha rúa de Moscova, ten un museo e un monumento á súa memoria na cidade ucraína de Krasnyi Luch e figura no Libro Guinness dos Récords como a muller con máis derrubamentos conseguidos en toda a historia da aviación. Tamén foi incluída como personaxe en varios animes.
Data | Lugar | Inimigo derrubado | Pilotando | Unidade | En solitario | Confirmado |
---|---|---|---|---|---|---|
13.09.1942 | Stalingrado | Bombardeiro Junkers Ju 88 ou Heinkel He 111 |
Lavochkin La-5 | 437 IAP | Non | Si |
♠ Caza Messerschmitt Bf 109 G pilotado polo ás Erwin Maier (tripla Cruz de Ferro) | Lavochkin La-5 | 437 IAP | Si | Si | ||
27.09.1942 | Stalingrado | Bombardeiro Junkers Ju 88 | Lavochkin La-5 | 437 IAP | Si | Si |
Caza Messerschmitt Bf 109 | Lavochkin La-5 | 437 IAP | Non | Si | ||
01.03.1943 | Fronte Oriental | Avión de ataque Junkers Ju 87 Stuka | Iakovlev Iak 1b | 9 GvIAP | Si | Si |
Caza Focke-Wulf Fw 190 | Iakovlev Iak 1b | 9 GvIAP | Non | Si | ||
22.03.1943 | Rostov do Don | Bombardeiro Junkers Ju 88 | Iakovlev Iak 1b | 9 GvIAP | Si | Si |
05.05.1943 | Fronte Oriental | Caza Messerschmitt Bf 109 | Iakovlev Iak 1b | 9 GvIAP | Si | Si |
07.05.1943 | Fronte Oriental | Caza Messerschmitt Bf 109 | Iakovlev Iak 1b | 9 GvIAP | Si | Si |
31.05.1943 | Fronte Oriental | Globo de observación artilleira protexido por densos cinturones de Flak antiaérea | Iakovlev Iak 1b | 9 GvIAP | Si | Si |
16.07.1943 | Fronte Oriental | Caza Messerschmitt Bf 109 "cun ás de Picas (♠) pintado na fuselaxe" | Iakovlev Iak 1b | 3–73 GvIAP | Si | Si |
19.07.1943 | Fronte Oriental | Caza Messerschmitt Bf 109 | Iakovlev Iak 1b | 3–73 GvIAP | Si | Si |
31.07.1943 | Donetsk | Caza Messerschmitt Bf 109 | Iakovlev Iak 1b | 3–73 GvIAP | Si | Si |
01.08.1943 | Donetsk | Caza Messerschmitt Bf 109 | Iakovlev Iak 1b | 3–73 GvIAP | Non | Non |
01.08.1943 | Donetsk | Desaparecida tras ser derrubada por 4 cazas Messerschmitt Bf 109 | Iakovlev Iak 1b | 3–73 GvIAP |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.