Jean-Baptiste Lamarck
From Wikipedia, the free encyclopedia
Jean-Baptiste-Pierre-Antoine de Monet, cabaleiro de La Marck, nado en Bazentin[1], Picardía, Francia, o 1 de agosto de 1744 e finado en París o 18 de decembro de 1829, foi un naturalista francés, un dos grandes nomes da época da sistematización da Historia Natural, próximo na súa influencia a Linneo, Buffon e Cuvier.
Foi un dos primeiros científicos que defendeu a idea da evolución dos seres vivos, propoñendo a primeira teoría coherente sobre a evolución da vida a partir de leis naturais baseadas na herdanza dos caracteres adquiridos[2].
Esta teoría foi tamén a primeira en propoñer a idea materialista e mecanicista da vida e da evolución dos seres vivos.
A súa teoría, denominada transformismo fúndase sobre dous principios :
- A complexidade crecente da organización dos seres vivos baixo o efecto da dinámica interna propia do seu metabolismo;
- A diversificación, ou especialización, dos seres vivos en múltiplas especies, baixo o efecto das circunstancias variadas ás que se enfrontan en medios diferentes e desfavorábeis que lles obrigan a adaptarse modificando o seu comportamento ou os seus órganos para responder ás súas necesidades (estas modificacións non son o produto da súa vontade ou do seu desexo, senón desta dinámica interna propia da vida concibida aquí como un proceso no que os fluxos de materia necesarios para a vida estruturan a materia viva e, en consecuencia, os organismos).
Esta argumentación recibe o nome de lamarckismo.
Foi igualmente un dos poucos evolucionistas en comprender a necesidade teórica da evolución dos seres vivos.
A publicación da súa principal obra, Filosofía zoolóxica, en 1809, coincidiu co nacemento de Charles Darwin, precursor dunha teoría evolucionista que superaría o lamarckismo: o darwinismo.
Lamarck cuñou o termo "bioloxía" para designar a ciencia dos seres vivos, e foi o fundador da paleontoloxía dos invertebrados.