From Wikipedia, the free encyclopedia
Juan de la Cierva Codorniu, nado en Murcia o 21 de setembro de 1895 e finado en Croydon (Inglaterra) o 9 de decembro de 1936, foi un enxeñeiro de camiños, canais e portos e aviador español, creador do autoxiro, precursor do actual helicóptero.
Fillo do avogado criminalista, político e empresario Juan de la Cierva Peñafiel, que chegou a ser ministro en catro ocasións e alcalde de Murcia. Dende a súa infancia destacou o seu interese polo mundo da aviación, e xunto ao seu amigo Tomás de Martín-Barbadillo, construíu pequenos modelos capaces de voar.
Xunto con dous compañeiros, José Barcala, antigo compañeiro de estudos, e Pablo Díaz, fillo dun carpinteiro, fundou a sociedade B.C.D., cuxas siglas correspondían coas iniciais dos seus tres apelidos, que foi pioneira no desenvolvemento aeronáutico en España, e grazas á súa capacidade, en 1912, con só dezaseis anos, Juan de la Cierva logrou construír e facer voar un avión biplano; o BCD-1 alcumado O Caranguexo con piloto (o francés Mauvais) e pasaxeiro a bordo.
Mentres que o avión é unha aeronave de ás fixadas á fuselaxe, o autoxiro inventado por de la Cierva ten ás fixadas a un rotor. O autoxiro fai a súa irrupción no panorama da aviación só vinte anos despois da invención dos irmáns Wright.
En 1920 construíu en Madrid, o seu primeiro autoxiro, o Cierva C.1, empregando fuselaxe, rodas e estabilizador vertical dun monoplano francés Deperdussin de 1911, sobre o que montou dous rotores de catro pas, contrarrotatorios, coroados por unha superficie vertical destinada a proporcionar control lateral; a planta motriz era unha moto Le Rhône de 60 hp. O aparato non chegou a voar, pois o rotor inferior xiraba a menos velocidade da prevista, e o efecto xiroscópico e a asimetría da sustentación, fixeron envorcar ao aparello. A este primeiro autoxiro seguiron dúas construcións tamén fracasadas, o C.2 e o C.3, nas que o inventor intentou, infrutuosamente, resolver o problema da diferenza de sustentación entre a pa que avanza e a que retrocede. Mais, nas probas do C.2 conseguíronse algúns saltos do aparato duns metros, o que indicaba a viabilidade do invento. A asimetría da sustentación do rotor non se resolvía plenamente até o prototipo C.4, no que la Cierva incluíu a súa revolucionaria idea de manipular as pas do rotor na súa raíz.
Os primeiros ensaios do modelo C.4, construído en 1922, conforme aos novos principios, foron infrutuosos. Para a súa definitiva resolución, realizou unha completa serie de ensaios no túnel de vento do circuíto cerrado do aeródromo de Catro Ventos (obra de Emilio Herrera), naquela, o mellor de Europa. O novo aparato corrixido probouse por fin con éxito o 9 de xaneiro de 1923,[1] no aeródromo de Xetafe, pilotado polo tenente Alejandro Gómez Spencer. Aínda que dito voo consistira só nun salto de 180 metros, demostrou a validez do concepto; a finais do mes, o C.4 percorreu en catro minutos un circuíto fechado de catro quilómetros no aeródromo de Catro Ventos, cerca de Madrid, a unha altura duns 30 metros. A planta motriz do C.4 era un motor Le Rhône 9Ja de 110 hp. No mes de xullo de 1923, empregouse o mesmo motor nun C.5, que voou en Xetafe; a partir dese momento, de la Cierva, que financiara os seus anteriores experimentos, traballou cunha subvención do goberno español.
Faleceu o 9 de decembro de 1936, con 41 anos de idade, ao estrelarse na engalaxe, no aeroporto de Croydon, o Douglas DC-2 de KLM en voo regular Londres-Ámsterdam.
Dende o ano 2001, o Ministerio de Educación e Ciencia de España, outorga os Premios Nacionais de Investigación de España, e en concreto o dedicado á transferencia de tecnoloxía que leva o nome de Juan de la Cierva.
O obxectivo de todos estes premios é o recoñecemento dos méritos dos científicos ou investigadores españois que realizaron un labor destacado en campos científicos de relevancia internacional, á transferencia de tecnoloxía e ao progreso da Humanidade.
Os galardoados até o momento foron:
Ano | Investigador | Traballo |
---|---|---|
2001 | Agustín Escardino Benlloch | transferencia de tecnoloxía desenvolta en estreita colaboración entre o sistema público de investigación e a industria cerámica. |
2003 | Antonio Luque López | enerxía fotovoltaica, tecnoloxías de fabricación de células solares, á aplicación das enerxías renovábeis |
2005 | Ignacio Fernández de Lucio | I+D |
2007 | Daniel Ramón Vidal | biotecnoloxía de alimentos, en contexto de aplicación, a súa transferencia ao sector empresarial |
2009 | Alfonso Miguel Gañán Calvo | física de fluídos, particularmente o fenómeno flow focusing e a física do electrosprai |
Ademais deste galardón, no 2004, o Ministerio de Educación e Ciencia español iniciou un programa de contratación de investigadores doutores baixo o nome de Programa Juan de la Cierva,[2] grazas ao cal, moitos investigadores españois e estranxeiros desenvolven a súa actividade.[3]
Na cidade de Xetafe (Comunidade de Madrid), existe o Barrio de Juan de la Cierva, chamado así por el. En 2003 inaugurouse nese barrio a Estación de Juan de la Cierva da Liña 12 do Metro de Madrid, na que se atopan motivos ornamentais na lembranza deste inventor.[4]
Existe un monumento na súa honra en Murcia, a súa cidade natal.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.