From Wikipedia, the free encyclopedia
A impresión é o proceso e o resultado de reproducir textos e imaxes, polo xeral con tinta sobre papel. É posible imprimir sobre gran diversidade de materiais, sendo necesario utilizar diferentes sistemas de impresión en cada caso. Pódese realizar de forma doméstica, artesanal, comercial ou industrial a grande escala, e é unha parte esencial da edición de libros e toda clase de publicacións impresas coma xornais, revistas, cartas, documentos etc.
Ata a aparición da impresión dixital todos os métodos utilizaban a técnica do gravado, cuxa característica principal é a utilización dun prelo que transfería mediante un golpe sobre o papel a imaxe dunha matriz untada con tinta. Ao longo da historia houbo diferentes sistemas de gravado, algúns coma a serigrafía ou a litografía fóronse adaptando á evolución da técnica e aínda perduran, outros coma a xilografía que fora amplamente utilizada, perderon vixencia e hoxe só se utilizan para a reprodución de obras de arte. As técnicas de impresión evolucionaron con rapidez, dando lugar a novos procedementos que satisfacían novas necesidades ou respondían a avances técnicos. Así foron aparecendo as técnicas do augaforte, o fotogravado (que apareceu a partir da fotografía), a impresión offset, o rotograbado[1] e a xerografía.
As técnicas modernas de impresión dixital están estreitamente relacionadas co tratamento informático dos datos a imprimir. Os datos son enviados directamente á máquina impresora mediante o uso dun software específico de autoedición. Para executar unha impresión dixital é necesario o uso dunha impresora, aparello electrónico que traslada o aspecto visual a unha superficie física a través de variados recursos. As impresoras máis comúns son as de inxección de tinta, que utilizan cartuchos de tinta, e as láser, nas que a tinta aloxada nun depósito de tóner é modulada e dirixida mediante un feixe de raios láser.
As modernas técnicas de impresión en 3D ofrecen novas aplicacións en diversos campos.
Os sistemas de impresión son moi variados, así como os seus resultados. Pódense distinguir grandes grupos con necesidades, procesos e resultados moi diferentes: os artísticos e artesanais, os dixitais e os industriais.
Os métodos de impresión artísticos son aqueles nos que se grava manualmente unha imaxe sobre unha superficie ríxida que despois acollerá tinta e será transferida por presión a outra superficie como papel ou tea, permitindo así facer de xeito mecánico múltiples copias da mesma. Exemplos son a xilografía,[2] o linogravado, o gravado con buril, o gravado con punta seca, a augaforte, o verniz brando, a mezzotinta, a litografía e a serigrafía.
A impresión dixital é toda aquela en que se imprime directamente en papel dende un ficheiro informático. É o sistema máis habitual en pequenas tiraxes.
Algúns dos sistemas habituais son:
A impresión en 3D é unha forma de fabricación tecnolóxica na que os obxectos físicos se crean a partir de modelos dixitais tridimensionais empregando impresoras 3D.
A impresión foi documentada por primeira vez na China na Dinastía Tang como un método para imprimir estampados na ropa; os exemplos máis antigos que sobreviven na China datan de antes do ano 220,[3] e de Exipto nos séculos VI e VII.[4]
Na dinastía Tang, un escritor chinés chamado Fenzhi mencionou por primeira vez no seu libro Yuan xian san ji que a impresión xilográfica se empregaba para imprimir escrituras budistas durante os anos de Zhenguan (627-649 d. C.). A obra impresa chinesa máis antiga da que se ten constancia é unha impresión xilográfica de escrituras budistas do período Wu Zetian (684-705), descuberto en Tubofan (provincia de Xinjiang) en 1906. Foi roubado polos invasores xaponeses e atópase en posesión do Museo da Caligrafía en Toquio. O libro impreso máis antigo documentado que aínda se conserva, unha copia dun texto budista, o Sutra do diamante, está datado en 848, mais escavacións nun pagode coreano puido desenterrar outro texto máis antigo datado en 750-751.[5][6] Na historiografía moderna chinesa, a impresión está considerada como unha das catro grandes invencións da China antiga.
Un monumento conmemorativo ao trono de 1023, dinastía Song do norte da China, documentaba que o goberno central nese tempo empregaba follas de bronce para imprimir o papel moeda e tamén bloques de bronce para imprimir os números e os caracteres na moeda. Na dinastía Jin, a xente empregou a mesma técnica pero máis desenvolvida para imprimir papel moeda e documentos oficiais formais. O exemplo típico deste tipo de impresión tipográfica con bloques de bronce é un cheque impreso da dinastía Jin do ano 1216.
A imprenta de tipos móbiles, predecesora dos actuais sistemas de impresión foi inventada por Johannes Gutenberg contra 1450.[7]
Máis tarde apareceu a litografía, un sistema de impresión desenvolvido por Aloys Senefelder quen, sabendo que a auga e o aceite se repelen naturalmente, empregou unha pedra calcaria e unha barra de cera para realizar unha impresión, co que revolucionou as artes gráficas permitindo a impresión de imaxe de gran calidade. O sistema de impresión offset deriva da litografía.[8]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.