House (serie de televisión)
Serie de televisión estadounidense / From Wikipedia, the free encyclopedia
House, tamén coñecida como House, M.D., é unha serie de televisión estadounidense emitida orixinalmente na cadea Fox durante oito tempadas, dende o 16 de novembro de 2004 ata o 21 de maio de 2012. O protagonista da serie é o doutor Gregory House (Hugh Laurie), un xenio da medicina pouco convencional e misántropo que, malia a súa dependencia de ós calmantes, lidera un equipo de diagnose no hospital ficticio Princeton–Plainsboro de Nova Jersey. A idea para a premisa da serie partiu de Paul Attanasio, mentres que David Shore, acreditado como o creador da serie, foi o responsable principal da concepción do personaxe protagonista. Outros dos produtores executivos da serie foron Katie Jacobs e o director de cinema Bryan Singer. A serie rodouse na súa maioría no distrito Century City do condado dos Ánxeles.
Xénero | Drama médico |
---|---|
Creado por | David Shore |
Intérpretes |
|
Tema de apertura | "Teardrop" de Massive Attack (Estados Unidos)
"House" de Scott Donaldson e Richard Nolan (Europa, tempada 1) "House, M.D. Main Theme" de Jon Ehrlich e Leigh Roberts (Internacional (dende a segunda tempada) e Netflix) |
País de orixe | Estados Unidos |
Lingua(s) | inglés |
Episodios | 177 |
Produtor(es) executivo(s) |
|
Produtor(es) |
|
Duración | 41–49 minutos[1] |
Distribuidor | NBCUniversal Television Distribution |
Canle de orixe | Fox |
Formato de imaxe | 720p HDTV |
Primeiro episodio | 16 de novembro do 2004 |
Derradeiro episodio | 21 de maio do 2012 |
Na rede | |
http://www.fox.com/house/ | |
| |
[ editar datos en Wikidata ] |
Durante a serie House adoita enfrontarse cos seus compañeiros de profesión, incluíndo co seu propio equipo médico, xa que as súas hipóteses sobre as doenzas dos pacientes baséanse en percepcións sutís ou controvertidas. O seu incumprimento das normas e procedementos do hospital lévao con frecuencia a manter conflitos coa administradora do hospital, a doutora Lisa Cuddy (Lisa Edelstein), mentres que o seu único amigo verdadeiro é o doutor James Wilson (Robert Sean Leonard), xefe do departamento de oncoloxía. Durante as tres primeiras tempadas o seu equipo de diagnóstico está formado polo doutor Robert Chase (Jesse Spencer), a doutora Allison Cameron (Jennifer Morrison) e o doutor Eric Foreman (Omar Epps). Ó fin da terceira tempada o equipo disólvese. Foreman volve de novo ó equipo e House realiza unha selección gradual de tres novos membros para o equipo: a doutora Remy "Thirteen" Hadley (Olivia Wilde), o doutor Chris Taub (Peter Jacobson) e o doutor Lawrence Kutner (Kal Penn). Mentres tanto Chase e Cameron continúan realizando aparicións en distintos papeis dentro do hospital. Kutner falece nun dos últimos capítulos da quinta tempada. Nun dos primeiros capítulos da sexta tempada Cameron marcha do hospital e Chase volve ó equipo de diagnóstico. Thirteen toma unha excedencia durante a maioría da sétima tempada, sendo substituída pola estudante de medicina Martha M. Masters (Amber Tamblyn). Cuddy e Masters marchan antes da oitava tempada, na que Foreman pasa a ser o novo administrador do hospital e as doutoras Jessica Adams (Odette Annable) e Chi Park (Charlyne Yi) únense ó equipo de House.
House estivo entre as 10 series de maior audiencia nos Estados Unidos dende a súa segunda tempada ata a cuarta. Distribuída e emitida en 66 países, House foi o programa de televisión de maior audiencia no mundo no ano 2008.[2] O 8 de febreiro de 2012 a Fox anunciou que a oitava tempada, entón aínda en progreso, sería a última da serie.[3] A serie obtivo numerosos premios televisivos, incluíndo cinco premios Emmy, dous Globos de Ouro, un premio Peabody e nove premios People's Choice Awards.