Historia xeolóxica do oxíxeno
From Wikipedia, the free encyclopedia
A historia xeolóxica do oxíxeno describe como se foi xerando este gas e acumulando na atmosfera terrestre, que inicialmente carecía del en estado libre. Antes de que evolucionase a fotosíntese, a atmosfera terrestre carecía de oxíxeno libre (O2).[2] Os organismos fotosintéticos procariotas que producían O2 como un produto residual viviron moito antes de que se producise a primeira acumulación de oxíxeno na atmosfera,[3] seguramente hai 3,5 miles de millóns de anos. O oxíxeno que produciron foi rapidamente retirado da atmosfera polas reaccións co ferro disolto no mar.[4] Esta "oxidación en masa" do ferro orixinou a deposición de óxido de ferro no fondo oceánico, formando formacións de ferro bandeado.[5] O oxíxeno só empezou a permanecer na atmosfera en pequenas cantidades aproximadamente uns 50 millóns de anos antes do comezo do Evento da grande oxixenación.[6] Esta oxixenación en masa da atmosfera tivo como resultado unha rápida acumulación de oxíxeno libre. Ás taxas actuais de produción primaria, os organismos fotosintéticos actuais poderían producir a concentración de oxíxeno que hai hoxe en só 2000 anos.[7] En ausencia de plantas, a taxa de produción de oxíxeno pola fotosíntese era máis lenta no Precámbrico e as concentracións de O2 alcanzadas eran de menos do 10% da actual e probabemente flutuaron amplamente; o oxíxeno mesmo puido ter desaparecido de novo da atmosfera hai arredor de 1,9 miles de millóns de anos.[8] Estas flutuacións nas concentracións de oxíxeno tiveron pouco efecto directo sobre a vida, e non se observaron extincións en masa ata a aparición de vida complexa aproximadamente a comezos do Cámbrico, hai 541 millóns de anos.[9] A presenza de O
2 proporcionou novas oportunidades á vida. O metabolismo aerobio é máis eficaz que o anaerobio, e a presenza de oxíxeno creou novas oportunidades que a vida podía explorar.[10]:214, 586[11] Desde o comezo do Cámbrico, as concentracións de oxíxeno atmosférico flutuaron entre o 15% e o 35% do volume atmosférico.[12] Alcanzouse un máximo do 35% cara ao final do Carbonífero (hai uns 300 millóns de anos), un pico que puido ter contribuído á aparición de insectos e anfibios de gran tamaño naquela época.[11] Aínda que as actividades humanas como a queima de combustibles fósiles, afectan á concentración relativa de dióxido de carbono e ao efecto invernadoiro, o seu efecto sobre as concentracións de oxíxeno, que son moito maiores, é menos significativo.[13]