From Wikipedia, the free encyclopedia
O histamenon (en grego: νόμισμα ἱστάμενον, nómisma istámenon; "moeda padrón") ou histamenon nomisma, foi a denominación dada á moeda bizantina de ouro co valor dun sólido ou nomisma, a partir da aparición en 960 dunha variedade máis lixeira en peso e lei, denominada tetarteron ou tetarteron nomisma. Para distinguir ambas as variedades do nomisma, o histamenon mudou a súa aparencia orixinal e adoptou unha dimensión máis ancha e máis delgada, así como unha forma cóncava ("scyphate").[1][2][3]
Desde a súa introdución en 309 da man do emperador Constantino I (306-337), a moeda principal e base do sistema monetario do Imperio Bizantino fora o sólido bizantino (coñecido tamén como nomisma), que mantivera a través dos séculos un peso invariable de 4,55 gramos e unha pureza do metal de 24 quilates.[4][5] A situación mudou en tempos de Nicéforo II (963-969), cando se introduciu no sistema unha variedade do nomisma, denominada tetarteron ("un cuarto") que era dous quilates máis pobre que o nomisma orixinario.[6][7][8]
Inicialmente, ambas as moedas eran dificilmente distinguibles, dada a proximidade do seu peso. Durante o final do reinado de Basilio II (976-1025), o tetarteron empezou a baterse sobre discos máis grosos e máis pequenos, en tanto que o histamenon se volveu máis delgado e máis ancho. Ademais desa clara diferenza visual, en tempos de Constantino VIII (1025-1028) engadíronse tamén variacións na súa iconografía.[9][10] A mediados do século XI, o tetarteron medía 18 mm de diámetro e tiña un peso estándar de 3,98 gramos, e o histamenon (con 3 quilates máis) tiña un diámetro de 25 mm en diámetro (contra os 20 mm do sólido) e adquirira unha forma lixeiramente cóncava.[11][12]
Con todo, a partir do reinado de Miguel IV (1034-1041), que anteriormente fora prestamista, o seu contido de ouro empezou para ser cada vez menor e padeceu sucesivas desvalorizacións. Despois dun período de relativa estabilidade entre 1055 e 1070, o contido de ouro diminuíu drasticamente nas décadas de 1070 e de 1080, ata acabar por desaparecer durante os primeiros anos do reinado de Aleixo I Comneno (1081-1118), quen en 1092 fixo unha reforma profunda do sistema monetario bizantino, eliminando tanto o histamenon como o tetarteron (nesa época xa de electro), substituídos ambos por unha nova moeda de ouro: o hyperpyron.[13][14][15][16][17]
A partir de entón e durante a vixencia do sistema monetario dos Comneno (séculos XII e XIII), o termo histamenon (ou na variante stamenon, στάμενον) pasou a asociarse con calquera moeda de forma cóncava ("scyphate"), tanto de billón como mesmo de cobre, emitida polo Imperio Bizantino.[18][19]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.