Hidrocarburo aromático
From Wikipedia, the free encyclopedia
Un hidrocarburo aromático ou areno[1][2] (ou ás veces aril hidrocarburo)[3] é un hidrocarburo con enlaces sigma e electróns pi deslocalizados entre átomos de carbono que forman un anel. A diferenza deles, os hidrocarburos alifáticos non presentan dita deslocalización. O termo 'aromático' foilles asignado antes de que se determinase o mecanismo físico da aromaticidade; o termo foi acuñado simplemente porque moitos dos compostos tiñan un cheiro doce e agradable, aínda que non todos. A configuración de seis átomos de carbono nos compostos aromáticos denomínase anel bencénico, polo nome do máis simple deste tipo de hidrocarburos, o benceno. Os hidrocarburos aromáticos poden ser monocíclicos (HAM) ou policíclicos (HAP).
Algúns compostos non baseados no benceno chamados heteroarenos, que seguen a regra de Hückel (para os aneis monocíclicos: cando o número dos seus electóns π é igul a 4n + 2, onde n = 0, 1, 2, 3,…), tamén se chaman compostos aromáticos. Nestes compostos, polo menos un átomo de carbono é substituído por un dos heteroátomos oxíxeno, nitróxeno ou xofre. Exemplos de compostos non bencénicos con propiedades aromáticas son o furano, un composto heterocíclico cun anel de cinco membros que contén un só átomo de oxíxeno, e a piridina, un composto heterocíclico cun anel de seis membros que contén un átomo de nitróxeno.[4]