![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/9/91/Staddle_stones%252C_Somerset_Rural_Life_Museum.jpg/640px-Staddle_stones%252C_Somerset_Rural_Life_Museum.jpg&w=640&q=50)
Hórreo
construción destinada a gardar e conservar alimentos / From Wikipedia, the free encyclopedia
Un hórreo é unha construción destinada a gardar e conservar os alimentos afastados da humidade e dos animais para mantelos nun estado óptimo para o seu consumo.[1] Caracterízase por manterse sobreelevado sobre pés, co fin de evitar a entrada de humidade e animais dende o chan e por permitir a ventilación a través de rañuras nas paredes perimétricas.
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/9/91/Staddle_stones%2C_Somerset_Rural_Life_Museum.jpg/640px-Staddle_stones%2C_Somerset_Rural_Life_Museum.jpg)
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/2/2e/Fotos_Galicia_II_014.jpg/640px-Fotos_Galicia_II_014.jpg)
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/3/3c/Horreo_de_madeira%2C_en_Allariz.jpg/640px-Horreo_de_madeira%2C_en_Allariz.jpg)
O antropólogo polaco Eugeniusz Frankowsky, en 1918, rexistra o uso de celeiros aéreos na Península Ibérica, rexión dos Alpes, península escandinava, área dos Balcáns, África subsahariana, Persia, sueste asiático, o Xapón, península de Kamchatka e área do estreito de Bering, empregados para a conservación do cereal.[2] Tamén existen na Polinesia, Australia e Nova Zelandia, onde se empregaban para gardar produtos do campo e bens prezados.[3] A especificidade do hórreo como tipoloxía reside na súa ligazón co cultivo do millo e á súa maduración e secado en zonas de clima atlántico. O uso do hórreo está estendido por boa parte do norte da Península Ibérica, con especial abundancia na rexión costeira noroeste, en áreas nas que a pronta chegada dun inverno longo, frío e húmido obriga a facer colleitas temperás.