Guerra de Cleómenes
From Wikipedia, the free encyclopedia
A guerra de Cleómenes[1] (-229/-228 a -222) foi un conflito militar ocorrido entre Esparta e os seus aliados de Elis contra a liga Aquea e Macedonia. A guerra concluíu coa vitoria macedonia e aquea.
En -235, Cleómenes III ascendeu ao trono de Esparta e comezou un programa de reformas para recuperar a antiga disciplina espartana e depor aos éforos. Cando estes enviaron a Cleómenes a capturar unha cidade situada na fronteira con Megalópole, os aqueos declararon a guerra en -229 Cleómenes respondeu arrasando Acaia, derrotou no monte Liceo a un exército liderado por Arato de Sición que fora enviado a atacar Elis e a un segundo exército preto de Megalópole. En canto á súa política interior, ordenou o asasinato dos éforos.
En rápida sucesión, Cleómenes desposuíu ás cidades de Arcadia das súas guarnicións aqueas, para logo esmagar a outra forza inimiga en Dyme. Enfrontando a dominación da liga por parte de Esparta, Arato debeu solicitar o socorro de Antígono III de Macedonia para vencer aos espartanos. A cambio pola axuda proporcionada, os aqueos tiveron que entregar o Acrocorinto a Antígono. Cleómenes invadiu Acaia e tomou o control de Corinto e Argos; con todo, cando Antígono chegou ao Peloponeso, o rei espartano debeu retirarse a Laconia. O exército aqueo-macedonio enfrontouse ao espartano en Selasia, onde os últimos foron derrotados. Cleómenes fuxiu á corte do seu aliado Ptolomeo III de Exipto, lugar onde finalmente se suicidou tras o fracaso dunha revolta contra os láxidas.