Gran río artificial
From Wikipedia, the free encyclopedia
From Wikipedia, the free encyclopedia
O Gran río artificial (en árabe النهر الصناعي العظيم, al-Nehr al-Ṣnā‘ī al-‘Ẓīm) é unha rede de tubaxes, pozos e depósitos de auga construídos no deserto do Sáhara en Libia, que se alimenta das augas fósiles do Sistema de acuíferos do Arenito Nubio. A auga utilízase para a subministración a cidades e para a rega agrícola. É o proxecto de irrigación máis grande do mundo.[1]
Consta dunha extensa rede de tubaxes enterradas de 2.820 km de longo,[2] acuedutos, pozos e depósitos. Consta de máis de 1.300 pozos, a maioría de máis de 500 m de profundidade, e produce 6.500.000 m3 de auga doce ao día para fornecer as cidades de Trípoli, Bengasi, Sirte e moitas outras. Iniciouse a súa construción en tempos do líder libio Muammar al-Gaddafi.[3]
En 1953, os intentos por atopar petróleo no sur de Libia levaron ao descubrimento colateral de grandes cantidades de auga doce subterránea. O proxecto do gran río artificial concibiuse máis tarde, na década de 1960, e os traballos no mesmo comezaron en 1984. A construción do proxecto foi dividida en cinco fases. A primeira fase necesitou que se escavasen 85 millóns de m3 e foi inaugurada en 1991. A segunda fase (denominada Primeira auga para Trípoli) inaugurouse en 1996.
O proxecto estaba a cargo da Autoridade do Proxecto do Gran Río Artificial e foi financiado polo goberno de Muammar al-Gaddafi. O primeiro contratista foi o Dong Ah Consortium e despois a Al Nahr Company Ltd. Os materiais necesarios procedían de Corea e da propia Libia, e posteriormente o aceiro para os tubos era de procedencia italiana.
O custo previsto total do proxecto era duns 25 mil millóns de dólares, financiados con recursos libios.[4] Desde 1990 a UNESCO proporcionou adestramento para enxeñeiros e técnicos implicados no proxecto.
O acuífero fósil do que se extrae a auga é o acuífero do arenito nubio. A súa auga acumulouse fundamentalmente durante a última era glacial, pero co clima actual non se recarga. O proxecto xerou certa controversia. Se a taxa de extracción de auga de 2007 non se incrementa, as súas reservas de auga poderían durar mil anos segundo algunhas estimacións.[5][6] Porén, outras estimacións independentes indican que o acuífero podería quedar esgotado en só de 60 a 100 anos.[7] Algúns analistas indicaron que custo do proxecto era un 10% inferior ao de obter esa auga por desalinización de auga de mar.[8]
Durante a guerra civil libia de 2011, na que foi derrocado Muammar al-Gadaffi, a planta de Brega, que era unha das que fabricaba tubaxes para o proxecto, foi bombardeada pola OTAN, alegando que albergaba material militar.[9]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.