From Wikipedia, the free encyclopedia
O Reino Unido é unha monarquía parlamentaria que, a diferenza doutros réximes carece de Constitución escrita, é dicir, un código político único que requira dun procedemento especial de elaboración e reforma para determinar as institucións básicas do Estado, o seu réxime territorial e os dereitos e liberdades públicas.
O seu modelo constitucional baséase, en primeiro lugar, no chamado "dereito estatutario" (Statute Law) cuxa elaboración é idéntica ás leis ordinarias e só se diferencian, e alcanzan o carácter de constitucionais, por mor da materia que tratan. As máis importantes son a Carta Magna de 1215, a "Petition Rights" de 1628, o "habeas Corpus Amendment Act" de 1679, o "Bill of Rights" de 1689, o "Axt of Settlement" de 1701, a "Reform Act" de 1832, o "Estatuto de Westminster" de 1931 e os "Parliament Acts" de 1911 e 1949.
A xurisprudencia conforma a segunda fonte constitucional a través das decisións xudiciais que recoñecen os costumes do dereito do Reino, o chamado "Common Law" e interpretan o dereito estatutario.
As convencións son outro instrumento de lexislación constitucional que se conforman co paso do tempo e no que un determinado xeito de resolver as cuestións prácticas rematou por fixar a soberanía do Parlamento e o estado de dereito ou imperio da lei.
O Xefe do Estado é o monarca, cuxas funcións son soamente representativas, aínda que as distintas normas concédenlle facultades nominais tales como declarar a guerra e asinar a paz, a política internacional e ser gardián das normas constitucionais e a unidade do Reino. Con todo a práctica converteu en necesario o referendo do Goberno para a adopción de todas as decisións. O monarca é ao mesmo tempo o Xefe e cabeza da Igrexa de Inglaterra.
O Goberno ou Gabinete mantén na súa orixe a condición de Consello Privado do monarca de carácter consultivo, aínda que na práctica cumpre a función executiva e a dirección administrativa. Está dirixido por un Primeiro Ministro nomeado polo monarca que debe contar co apoio da maioría da Cámara dos Comúns e un número variable de ministros elixidos polo anterior.
O Parlamento baséase nun sistema bicameral coa Cámara dos Comúns e a Cámara dos Lores. A primeira, composta por 659 membros, é elixida por sufraxio universal libre, igual, directo e segredo de todos os cidadáns maiores de idade por un sistema maioritario en circunscricións nas que se elixe ao candidato máis votado. Cumpre as funcións propias da Cámara Baixa en calquera sistema parlamentario democrático mediante o control do goberno e a aprobación das leis. A Cámara dos Lores está composta por aproximadamente un milleiro de membros, tendo un carácter vitalicio e que son elixidos polo monarca, outros teñen carácter herditario e para rematar os eclesiáticos (24 bispos e os arcebispos de Canterbury e de York). As súas funcións son semellantes ás dunha Cámara Alta agás nas cuestións xudiciais o seu poder está moi minguado, existindo un proxecto aprobado pero en suspenso dende 2001 para converter a cámara nun mero órgano consultivo.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.